Setembro, un mes de gastos inevitables
As familias deben facer fronte ás compras escolares e á suba do consumo enerxético
Segundo a OCU, oito de cada dez familias precisarán aprazar os pagos deste mes
O mes de setembro chega sempre con gastos extra para as familias, fundamentalmente para os máis de 443.000 fogares con fillos que hai en Galicia.
A volta á escola supón un gasto medio de 1.680 euros por alumno ao que se lle suman as facturas de enerxía, combustibles e unha lista de produtos básicos de consumo e servizos que acumulan subas mes a mes.
A inflación volveu subir en agosto, co IPC situado no 4,3%, o maior nivel desde febreiro de 2023.
"Aumentan os gastos porque cada vez os prezos son máis abusivos. Os libros soben, os materiais tamén e os soldos seguen igual" comenta unha consumidora.
"Vai haber un gasto en libros, aínda que intentamos tirar de libros que tiñan compañeiros do ano pasado e mercarlle de segunda man. E tamén o tema deportivo porque se están nun equipo hai que mercar equipamento e calzado", detalla unha nai.
"Alzouse moitísimo. Mercar 600 gramos de carne son 10 euros, o peixe igual e a froita.
Segundo a OCU, a nivel estatal, oito de cada dez familias precisarán algún medio de pago aprazado ou financiamento para poder asumir o inicio de curso. Nais e pais aseguran que tratan de anticiparse aos gastos que xa saben que van ter.
"Imos traballando todo o ano para poder subsistir. Sen meterse en moitas fonduras e nada máis", explica un pai.
"Sempre tes que aforrar das risas para as choras e ter apartado porque sabes que veñen estes gastos".
As organizacións de consumidores recomendan planificar ben as compras, evitar na medida do posible recorrer a fórmulas de financiamento rápido como os microcréditos, con xuros elevados, prazos de devolución reducidos e custos adicionais.