A feira Pata Pata converte A Coruña no grande escaparate do mundo pet friendly
Expocoruña reúne as tendencias e novidades dun sector en expansión
O programa inclúe conferencias, exhibicións e actividades centradas no benestar animal
Humanos e animais de compañía conviven en máis da metade dos fogares españois, unha realidade social que nos últimos anos impulsou encontros como Pata Pata.
Unha feira dedicada ao benestar dos animais que esta fin de semana serve de escaparate para as novidades en produtos, servizos e tecnoloxías do sector en Expocoruña.
En Pata Pata hai moda e complementos, alimentación, servizos para o coidado, a saúde e a beleza das mascostas e ata arte. Tamén solidariedade. Jaime leva dez anos deseñando e fabricando cadeiras de rodas para cuadrúpedes con limitacións de mobilidade.
"Empecei para axudar a unha cadela que atropelaran en Carballo e quedara coa columna rota. Sentinme tan ben que quixen axudar máis, e ata hxoe", explica Jaime Álvarez, que nos conta que xa leva construídas máis de seiscentas cadeiras.
A feira xira ao redor do benestar animal e reúne asociacións e protectoras como Animaneko, que rescata principalmente gatiños para buscarlles familias de acollida.
Na zona de formacións e charlas, unha deseñadora de interiores explicou como crear espazos que integren as necesidades dos gatos e das persoas.
"Simplemente tes que ter un oquiño na túa casa para acoller un dos nosos animais e darlle moito agarimo. Nós facemonos cargo de todos os gastos", di Rebeca Eijo, unha das persoas implicadas no proxecto desta protectora.
Mentres na pista central acaparaban todas as miradas os cans adestrados en agility, unha disciplina deportiva especialmente recomendada para as razas con máis enerxía.
"Sempre é moi importante poñerse nas mans dun profesional cando o cachorro chega á casa para evitar problemas. Cando o can ten unha base, pode empezar co agility", comenta Xacobe Martí, presidente do club Cococan.
En Pata Pata hai unha boa representación de educadores caninos, pero sobre todo hai moita beleza animal. Sirvan de exemplo os noventa quilos de fermosura de Oso, un enorme San Bernardo que se converteu sen buscalo nun dos grandes protagonistas da feira.