Un voitre leonado visita unha granxa de Rodeiro
Malia que esta ave non cría en Galicia, visita as nosas serras na busca de carnaza
A especie foise recuperando na Península: de 3.000 parellas nos 70 a 30.000 na actualidade
Estaba traballando no tractor cando unha visita inesperada chegou á granxa: "De repente xirei e vin o bicho aquel. Levei unha sorpresa, era moi grande e non sabía o que era", comenta o gandeiro Ismael López Nodar.
Cabeza pelada, colar de plumas e unhas xigantescas ás fixérono caer na conta: "Achegueime e ao despregar as ás metía medo, e dixen é un voitre, ten que ser un voitre. Non o podía crer, pero ao ver a foto que lle fixera vin que si".
Noutro tempo era moi difícil ver voitres leonados en Galicia. Pero as políticas de conservación foron recuperando a especie na Península, de 3.000 parellas nos anos 70 a 30.000 na actualidade. Por iso cada vez é menos raro velos de turismo gastronómico polas nosas serras.
"Non é habitual que pare nunha granxa, pero si que veña polas serras galegas. O voitre leonado non cría aquí, pero na primavera e no verán si ven na busca de alimento. Rodeiro ten cerca a serra do Faro, seguramente uliu algún animal despois de tempo sen comer ou algo lle chamou a atención na granxa", explica o ornitólogo Juan Carlos Epifanio Lemos.
Por impoñentes que parezan, con case tres metros de envergadura, os voitres son inofensivos. Só comen o que xa está morto, facendo de paso un servizo de limpeza gratuíto.
"Nunca se alimentan de animais vivos. Van aos cadáveres, comen e eliminan os mortes, que son unha fonte de posible infección se quedan aí. Eles fan un labor moi importante de limpeza e saneamento na natureza", engade o ornitólogo.
O encontro do gandeiro e o voitre foi breve pero intenso: "Ao verme saiu voando e non o volvin ver máis"
Queda a foto para o recordo e o desexo de que estes extraordinarios animais se sigan deixando ver polos nosos ceos, lonxe de velenos e ameazas que freen a súa exitosa recuperación.