Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lanzan un can ao refuxio de Pontevedra por riba dun valado de dous metros

Lanzan un can ao refuxio de Pontevedra por riba dun valado de dous metros

Fixérono de madrugada e moi lonxe da entrada para evitar seren gravados polas cámaras de seguridade 

O animal recupérase na protectora 

As penas por abandono dun can en condicións que poñan en risco a súa vida contemplan multas de ata 50.000 euros

Can abandonado en Os Palleiros, en Pontevedra
G24.gal 13/03/2026 15:19

O abandono do can, un pastor belga dun ano de idade, produciuse no refuxio Os Palleiros de Pontevedra.

O animal foi lanzado por enriba do valado da protectora, que ten unha altura de dous metros e medio. Ocorreu de noite, cando non quedaba xa ninguén no refuxio e os autores o fixeron no punto máis afastado da porta para evitar seren gravados polo sistema de cámaras de seguridade.

O estado do can era moi fráxil

Os responsables de Os Palleiros atoparon o can á mañá seguinte con varias feridas no pescozo, xa que o animal se pelexou con outro que se atopaba xa dentro do recinto. A pelexa non lle causou feridas de moita gravidade.

"Chegaron as miñas compañeiras, porque chegan ás oito da mañá e foron a ese patio porque ese patio se emprega pola noite para algún can que se estea sociabilizando, non? Entón, o botaron aí "Non sei se virían en coche ou virían camiñando, non o sabemos. O único que sabemos é que o can apareceu no valado, e o tiveron que tirar por enriba porque non hai outra forma de acceder a ese patio", así o relataba unha das traballadoras da protectora Os Palleiros.

O can pasou un día ingresado no veterinario por mor do seu fráxil estado de saúde e agora continúa a súa recuperación na protectora.

"Por sorte está todo ben, estivo un día ingresado no veterinario por precaución, porque a mordida foi aquí un pouco no pescozo, pero nada mais", explicou a traballadora.

Lembran que as mascotas son un membro máis da familia e que, mesmo na peor das situacións, se pode atopar unha solución segura para darlles un novo fogar.

"A xente dime: non podo facerme cargo ou o que sexa. Eu digo, mándame fotos, difundímolo e despois vemos a mellor forma de axudar ese animal. Non hai por que chegar a eses extremos, nin deixalos atados nin abandonados nin nada", así o lamentaba o persoal da protectora Os Palleiros de Pontevedra.

Se ben non é o primeiro abandono destas características que lles toca vivir, dende a protectora Os Palleiros pensaban que esta sorte de prácticas violentas co animal quedaran no pasado.

"Levamos como uns dez anos así mais ou menos, e oxalá que siga así, que non o tomen outra vez por costume. A todos nos pode dar un golpe a vida e non poder facernos cargo, pero hai outras formas, existen as protectoras, existe a xente que coida cans, as residencias, difundir por redes sociais para ver se o queren, se cho poden adoptar... Hai un montón de formas e non facelo así dese xeito, porque ao can puido custarlle a vida".

As penas polo abandono dun can en condicións que poñan en risco a súa vida contemplan multas de ata 50.000 euros e traballos en beneficio da comunidade, aínda que as sancións poden ser maiores se o caso de maltrato animal implica violencia ou asañamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos