Minnie, modelo por un día
Inditex buscaba unha cavalier king Charles spaniel, e foi amor a primeira vista
A cadela viguesa protagonizou unha campaña publicitaria de Zara Kids
O lanzamento será o vindeiro 6 de maio
Isto de Zara cos cans empeza a parecerse xa a un idilio. E é que a firma galega estalle collendo o gusto a isto de incluír mascotas nas súas campañas publicitarias para roupa infantil. E sempre atopa o que necesita sen saír da terra.
Se hai un mes coñeciamos a Jagger, o gran danés de Culleredo que posou para unha campaña de Zara Kids para o mercado asiático, a protagonista é agora Minnie. A cadela viguesa era exactamente o que buscaban en Inditex.
"Buscaban un cavalier king Charles co cal contactaron comigo para ver se queriamos entrar na peneira para ver se algunha das miñas cadelas se adaptaba", conta Óscar Silveira, criador de cavalier king Charles spaniel
E foi amor a primeira vista.
"Tan pronto miraron a Minnie non había a menor dúbida, decidíronse por ela, e a verdade que saíu todo moi ben"
Minnie, Mia e Nala, son as tres xeracións da familia canina que creou Óscar hai 4 anos. Mía e Nala xa traballaron detrás dos obxectivos nunha ocasión cunha influencer. Agora o protagonismo foi para Minnie, quen compartiu sesión fotográfica cun bebé da súa mesma idade".
"Houbo unha cousa que me gustou moito e foi que nun momento dado da sesión a nena empeza a poñerse un pouco nerviosa, e de inmediato pararon, dixeron aquí para todo ata que a nena descanse e respecto aos animais absolutamente o mesmo, un trato exquisito", conclúe Óscar.