Publicador de contidos

Publicador de contidos

A G2 e AGalega.gal retransmiten este mércores o Liceo-Porto desde Coímbra

A G2 e AGalega.gal retransmiten este mércores o Liceo-Porto desde Coímbra

A partir das oito da tarde están en xogo os cuartos de final da Champions de hóckey sobre patíns

G24.gal 05/05/2026 12:11 Última actualización 05/05/2026 12:14

A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) pon o foco en Coímbra para achegar ao público galego un dos partidos máis importantes que o H. C. Liceo disputará nesta temporada. A G2 e o portal AGalega.gal retransmitirán este mércores 6 de maio, a partir das 20:00 horas, o encontro de cuartos de final da WSE Champions League de hóckey sobre patíns entre o F. C. Porto e o H. C. Liceo da Coruña.

Non é un partido calquera. É a porta de entrada a unhas semifinais da Champions League para un equipo que chega como campión da Copa do Rei e como primeiro clasificado da liga regular da OK Liga, o que lle da factor cancha desde cuartos de final ata a posible final.

A WSE Champions League masculina 2025/26 chega este mes de maio á súa fase decisiva cunha Final a Oito (do 6 ao 10 de maio) que, por oitava vez consecutiva se celebra en Portugal. O escenario é o Pavillón Dr. Mário Mexia de Coímbra, que reunirá polo primeira vez de forma simultánea a Final Eight masculina e a Final Four feminina, nunha cita sen precedentes para o hóckey europeo de clubs.

Os oito equipos clasificados representan ao mellor do continente: catro clubs portugueses -F. C. Porto, Benfica, Spórting C. P. e o actual campión Barcelos- tres clubs españois -F. C. Barcelona, H. C. Liceo e Reus Deportiu- e o italiano G. S. Hóckey Trissino.

O F. C. Porto foi o equipo dominador do Grupo A da fase de grupos. Os 'dragóns' lusos, bicampións nacionais portugueses, completaron a fase regular como primeiros da súa serie, superando rivais de alto nivel como o F. C. Barcelona, o Reus Deportiu, o Trissino italiano, o Igualada e o Saint-Omer francés. O cadro luso amosará ante o coruñés que chega a Coimbra como un dos máis sólidos defensivamente de toda a competición europea.

O H. C. Liceo, pola súa banda, tivo que vivir unha clasificación de alta tensión no Grupo B, un dos máis competidos da historia recente da Champions. Con Benfica, Spórting C. P., Barcelos e Oliveirense como rivais, os verdes e brancos necesitaron un empate dramático na última xornada ante o U. D. Oliveirense -con gol de Nil Cervera a 44 segundos do remate- para asegurar a súa praza. Foi a exhibición do carácter que define ao Liceo nas grandes citas europea.

A temporada está resultando espectacular para o equipo que dirixe Juan Copa. O pasado mes de marzo conquistou o seu décimo primeiro título de Copa do Rei ao derrotar ao Calafell nunha final brillante. O protagonista foi Bruno Saavedra, natural de Santiago de Compostela, que marcou un triplete en menos de dous minutos e foi galardoado co trofeo ao mellor xogador do torneo (MVP). Antes de medirse ao Porto, o pasado venres empatou fronte ao Alcoi garantindo a primeira praza ao remate da liga regular. A partir do 16 de maio, o Liceo afronta os cuartos de final dos playoffs da OK Liga ante o Lleida, unha eliminatoria que se decidirá ao mellor de tres encontros. O título nacional será o grande obxectivo dunha segunda parte de maio e un mes de xuño que pode ser histórico para o Liceo da Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade