Presentan demanda de execución da sentenza que declarou improcedentes peaxes na AP-9
A Asociación de Consumidores En-Colectivo presentou a demanda ante o xulgado do Mercantil de Pontevedra da man dun primeiro grupo de usuarios
Tamén lle pide ao xulgado que requira a Audasa a información necesaria para identificar o resto dos afectados e calcular as cantidades para devolver
A Asociación de Consumidores En-Colectivo presentou perante o xulgado do Mercantil de Pontevedra unha demanda de execución da sentenza firme do Tribunal Supremo que o ano pasado declarou improcedente a cobranza íntegra de peaxes en determinados supostos durante as obras de ampliación da ponte de Rande (2015–2018).
A demanda iníciase cun primeiro grupo de usuarios que xa solicitan o seu recoñecemento como beneficiarios como paso previo para reclamar a devolución dos importes abonados, pero, segundo explica En-Colectivo nun comunicado, o procedemento permanece aberto á incorporación de novos afectados que acrediten a súa situación conforme os criterios establecidos na sentenza, algo que poden facer a través da páxina web da asociación.
Ademais, no mesmo escrito, En-Colectivo solicita ao xulgado que requira á concesionaria Audasa para que facilite a información necesaria que permita identificar o resto dos usuarios afectados e calcular as cantidades para devolver, co fin de axilizar o proceso.
O procedemento tramítase conforme ao previsto na Lei de Axuizamento Civil para este tipo de casos, nos que primeiro se recoñecen os afectados e, posteriormente, execútase a devolución das cantidades de forma individual, xunto cos intereses correspondentes.
“Durante anos cobrouse por un servizo que non se prestaba en condicións. Agora corresponde executar a sentenza e proceder á devolución”, di o presidente da asociación, Diego Maraña.
Durante as obras da ponte de Rande rexistráronse incidencias na circulación que afectaron o servizo prestado na autoestrada, como retencións quilométricas, cortes de tráfico ou desvíos, o que non impediu que Audasa continuase cobrando a totalidade da portaxe.
O Tribunal Supremo identificou 81 incidencias concretas e estableceu os criterios que deben cumprir os usuarios para poder reclamar e segundo En-Colectivo o procedemento pode afectar a un número elevado de usuarios da AP-9.