Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda di que planta de SAIC segue o seu curso con "condicionantes lóxicos" de seguridade

Rueda di que planta de SAIC segue o seu curso con "condicionantes lóxicos" de seguridade

O presidente da Xunta agradece á ministra de Defensa a chamada que lle fixo, en que lle confirmou que a postura do Ministerio será "favorable" a esta instalación industrial

G24.gal 12/08/2026 14:02

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este mércores que a instalación do grupo chinés SAIC dunha fábrica de coches MG en Ferrol continúa coa súa tramitación, tras indicarlle o Ministerio de Defensa que é "favorable" ao proxecto cos "condicionantes lóxicos" para garantir a seguridade nacional.

En declaracións na Estrada, onde Rueda visitou o Cecopi con motivo da eclipse solar, confirmou que onte mesmo recibiu unha chamada da ministra de Defensa, Margarita Robles, tras as informacións aparecidas do luns sobre a preocupación deste departamento respecto á instalación, pola súa proximidade co arsenal militar e o estaleiro Navantia.

Robles dixo ao presidente galego que a postura do Ministerio será "favorable" a esta instalación industrial, fronte ás informacións que saíron que, segundo Rueda, "eran moi difíciles de entender xa que o expediente levaba moito tempo tramitándose de xeito conxunto" entre a Xunta e o Goberno central.

Será "loxicamente cos condicionamentos que hai que poñer e que se poñen sempre que unha instalación industrial está preto de instalacións militases, o que é perfectamente comprensible", constatou Rueda.

Agradece á ministra Robles a súa chamada e "clarificación"

O titular da Xunta agradeceu expresamente á ministra "a súa chamada, a súa clarificación" e o seu "respaldo para seguir traballando", algo que continuará facendo o Goberno galego coa tramitación da planta porque "aínda quedan moitas cousas por facer".

"Espero que nos tempos previstos, a finais do ano que vén isto poida empezar a ser unha realidade, e que esta coordinación exemplar entre as dúas administracións vaia ata o final", concluíu.

Tamén aclarou que, segundo díxolle a ministra, as informacións sobre a alerta con respecto á seguridade nacional "non saíron de canles oficiais do Ministerio".

Polo tanto, "haberá que preguntar a quen o fixo e por que", limitouse a apuntar Rueda. "Eu quédome coa posición oficial do Ministerio, que quedou clara a través da ministra", apostilou.

Para Rueda a "prevención" sobre unha instalación industrial preto de instalacións militases "é lóxica", e non é algo "novo", pero existen outros casos nos que "conviven máis ou menos en proximidade" e o que hai que facer é "poñer prevencións que garantan condicións de seguridade".

A planta de SAIC en Ferrol é "algo que interesa a todos", tanto a Galicia como a España, insistiu o presidente galego, xa que se trata do primeiro investimento que fai en Europa o grupo de automóbiles chinés e tamén é "fundamental" para o futuro da comarca.

"Exemplo de colaboración"

Pola súa banda, o delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, trasladou este mesma mañá que tanto o Executivo estatal como o autonómico están "a traballar conxuntamente" desde o primeiro momento para asegurar a chegada de SAIC a Ferrol no que definiu como un "exemplo de absoluta colaboración intergobernamental"

Así mesmo, quixo mandar, do mesmo xeito que Rueda, unha mensaxe "de tranquilidade" con respecto de a boa marcha desta iniciativa empresarial. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos