Empresas de servizos gandeiros permiten que os titulares de explotacións poidan ir de vacacións
Os traballadores fan substitucións para cubriren baixas ou días libres
Hai traballos que non son unha simple ocupación: son un estilo de vida, especialmente no sector primario, porque non é fácil coller un día libre ou unhas vacacións cando dun depende o sustento de moitos seres vivos. Para que esa dedicación non sexa unha atadura, comeza a haber empresas especializadas neste tipo de substitucións.
Acompañar un familiar o médico, ir a unha voda ou, xa non digamos, ir de vacacións: contar con tempo de lecer é unha das principais dificultades para agricultores e gandeiros. Para iso nacen as Sociedades de Servizos Agrarios, que ofrecen persoal cualificado para se facer cargo das explotacións en calquera circunstancia. De momento só hai tres en Galicia.
En Guntín coñecemos a Manuel e a Candela, unha das súas dez empregadas. Os dous son titulados en Fonteboa, no ciclo superior de Gandería.
"Fixen o Erasmus nunha granxa de Francia onde os propietarios, xa maiores, botaban man deste tipo de servizos e decateime de que esta era a miña vocación", explicou Manuel Fernández, resposable de SG Monte do Gozo
Igual ca o seu xefe, Candela non procedía dunha familia de gandeiros, non herdaba granxa, pero tiña claro cal era a súa paixón.
"Hai granxas nas que imos todas as semanas e eu quedo aquí soa cando eles marchan: muxo, arrimo a comida...", Candela Martínez, responsable da zona de Lugo da empresa Servizos Gandeiros Monte do Gozo.
"Ata fai dous anos nunca foramos de vacacións. Precisas alguén fiable que quede ao cargo", di José Castro, gandeiro.
As tarifas son 300 euros por día, pero aquí prémiase a permanencia, así que os clientes habituais teñen bos descontos.