O sector primario rexeita a proposta de Bruxelas sobre a futura política agraria e pesqueira común
O novo regulamento establece un fondo único para pesca e campo e por estado
Contempla un recorte nas axudas de entre o 20 e o 60 por cento
O actual modelo de repartición das axudas da PAC pode desaparecer no 2028. A Comisión Europea quere crear un fondo único para campo e pesca e para cada estado membro.
"Supón unha emenda a totalidade do que era a política agraria común, perde o de común, pasan a ser fondos que se van repartir os estados para que despois os xestione cada un como queira", explica o coordinador de UUAA en Lugo, Miguel Tomé.
Mudaría o modelo e o orzamento. Galicia deixaría de recibir uns 76 millóns de euros anuais. No campo xa falan de peche de explotacións.
"A remuda xeracional é moi complicada, se por riba non hai unha compensación económica que o incentive, as explotacións desaparecen", di Ángel López, dono dunha explotación de leite.
Tamén está en perigo a renovación da frota e a súa descarbonización.
"A descarbonización require barcos novos e ese fondo de 2.000 millóns non chega a nada, é irrisorio", asegura Basilio Otero, presidente da Federación de Confrarías.
Ambos os dous sectores queren fondos propios. Alertan do impacto destas medidas na autonomía alimentaria.
"Non vamos entrar no xogo de diabólico de loitar irmáns contra irmáns, os gandeiros e agricultores teñen o noso respecto, o que temos que facer é estratexias conxuntas", di Javier Touza, presidente de ARVI
Quedan 18 meses de duras negociacións para mudar o rumbo do novo regulamento.