Marcos López asume a presidencia do grupo Reganosa tras o mandato de Roberto Tojeiro
O sétimo presidente de Reganosa está vencellado a ela desde a súa orixe, sendo o conselleiro con maior antigüidade, tras Roberto Tojeiro
Salientan a figura de Tojeiro por facer "a empresa máis internacional, por despexar ameazas regulatorias e desenvolver proxectos renovables ademais de aumentar as súas capacidades dixitais"
Marcos López asume a presidencia do grupo Reganosa en substitución de Roberto Tojeiro, quen deixa o cargo "tras cumprir o seu compromiso e os obxectivos do seu mandato ponte". O presidente saínte continuará formando parte do consello de administración.
"Cando Roberto Tojeiro accedeu á presidencia de Reganosa, en 2023, impulsou unha folla de roteiro trianual e fixouse a meta de profundizar, sobre bases sólidas, na ampliación e diversificación da sociedade", lembra a nota.
Reganosa asegura que "hoxe a empresa é un 46 % máis internacional que en 2023, despexou ameazas regulatorias, decantou actividades e adaptou á contorna a súa estrutura e gobernanza".
Durante o período 2023-2026, Reganosa engadiu Australia e outros dez países á lista de mercados onde operou infraestruturas ou ben prestado servizos, de xeito que agora suman 35 nacións nos cinco continentes.
Os investimentos do grupo nese tempo alcanzaron os 157 millóns de euros e destacan a adquisición dun 25 % de Musel E-Hub, a incorporación a Reganosa Holdco do 15 % de Regasificadora do Noroeste S.A. que posuía Sojitz, a compra de Saltos do Cinca a Plenium Partners e Bankinter, e a instalación do compresor de BOG (boil-off gas) na terminal de Mugardos.
Ao longo desta presidencia, Reganosa asegura ter desenvolvido e actualizado os seus proxectos renovables, ademais de consolidar o novo hub enerxético do noroeste peninsular. Así mesmo, destaca que incorporou o servizo de subministración de bioGNL a barcos e cisternas.Tamén entrou no segmento da xeración enerxética verde con activos propios.
"Ademais, na etapa que agora culmina, a compañía evolucionou as súas capacidades dixitais, lanzou unha plataforma 360 de eficiencia enerxética para industrias e fogares (OIIO), renovou dous terzos do seu equipo directivo e impulsou un plan de transformación da seguridade", indica.
O intervalo 2023-2026 tamén veu marcado polo aval definitivo do Tribunal Supremo á tramitación administrativa da terminal de enerxía de Mugardos, unha infraestrutura cuxo project finance acaba de quedar "amortizado por completo", segundo Reganosa.
Deste período resalta así mesmo a celebración do vixésimo quinto aniversario da sociedade, que en 2024 serviu para poñer en valor algunhas das achegas de Reganosa a Galicia.
A figura de Marcos López
O sétimo presidente na historia de Reganosa está vencellado a ela desde a súa orixe, sendo o conselleiro con maior antigüidade, tras Roberto Tojeiro. Desde 2020 pertence ao comité executivo do holding e encabeza a comisión de nomeamentos e retribucións do consello.
Marcos López (A Coruña, 1962) presenta unha traxectoria enfocada en planificación estratéxica, desenvolvemento corporativo e banca de investimentos.
Entre 1999 e 2025 foi director de Mercado de Capitais de Inditex, mentres que nos dez anos anteriores desenvolvera a súa carreira no sector financeiro en First National Bank of Chicago, Research Associates e a Sociedade de Valores e Bolsa do Banco Bilbao Vizcaya, con operacións relevantes en Endesa, EDP, Repsol, Rede Eléctrica e Iberdrola, entre outros.