Novos axustes nos autobuses urbanos de Ourense
Desde que o Concello cambiou as rutas, o pasado 16 de setembro, xa van coa quinta modificación
Os usuarios quéixanse tamén de falta de información nas paradas
Os últimos cambios nos autobuses urbanos de Ourense afectan a seis liñas, de 16, e abranguen desde ampliación de percorridos a modificación de horarios e, incluso, cambios nas paradas, como a da rúa Concello, que se suprime.
"Teño vez co médico de dixestivo para as once e media e levo unha hora na parada de abaixo. Viñemos aquí para ver se había taxi, pero tampouco. Xa non chego á consulta". "Pola Alameda pasan menos dos que pasaban, se queres ir á Praza de Abastos". "Estou esperando o da Cuña. Xa levo media hora ou máis e aínda non veu ningún", comentan tres usuarias na parada da Alameda.
Nas súas redes sociais, o alcalde asegura que todos os cambios son de mellora, pero aos usuarios cústalles adaptarse.
"Se ve que a xente non está contenta, que o poña como estaba", sentencia un veciño da Ponte.
Unha das queixas máis recorrentes dos usuarios é a falta de información, incluídas as pantallas dixitais que había nas paradas e que, desde hai uns días, apareceron tapadas con adhesivos, de maneira que non se pode ver ningunha información. "Chegabas e vías canto faltaba para cada autobús. Pero agora sacaron os paneis dixitais", lamenta unha muller.
A cambio, instalaron códigos QR, pero só informan das liñas, non do tempo de espera. "Non sae canto tarda nin nada. Só os autobuses que hai e o tempo que tardan", explica un mozo.
Autobuses cheos
Tamén se queixan os usuarios do cheos que van algúns autobuses. "Isto é un desastre. Vai a tope. Toda a xente de pé, porque non hai sitio", dinos un pasaxeiro que se asoma pola porta do autobús.
Unha situación que se agrava, din, en horas punta. "Xa non collen. Ábrenlle aos que teñen saír e o resto déixanos. Teñen que esperar o seguinte", critica unha muller do barrio de Mariñamansa.
O alcalde da cidade cualifica de éxito rotundo os cambios e cifra entre un 2 un 4 % o incremento de viaxeiros desde que entrou en vigor o novo mapa.