Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dúas xeracións de mulleres gandeiras poñen en valor a vida no rural

Dúas xeracións de mulleres gandeiras poñen en valor a vida no rural

O próximo día 15 celébrase o Día Internacional da Muller Rural

"Poder criar o teu fillo nun ambiente rural non ten prezo", aseguran 

G24.gal 12/10/2025 10:55 Última actualización 12/10/2025 14:40

O día 15 celébrase o Día da Muller Rural. En Galicia os últimos datos do censo agrario mostran como a man de obra feminina nas explotacións supera o 58%. 

A gandería Palomar en Láncara, con 650 animais, dedícase á produción leiteira. Entre pantallas, papeis e contas atopamos a Quiara, que chegou aquí hai seis anos. 

"Eu era peiteadora e non tiña nada que ver coa agricultura. Vin para aquí porque a Odón, a miña parella, e a seus pais facíalles falta alguén responsable para levar a xestión. A granxa medrou moito e o mellor era que eu viñera para ter un control e poder criar aquí o meu fillo.", recorda Quiara Pardiñas Prieto, gandeira en Láncara.

A Carme atopámola na cociña, a cargo do xantar. Tamén ela chegou a Láncara polo seu home, hai 66 anos. 

"Coñecín o meu marido cando tiña 15 anos e vin para aquí. E o traballo daquela era muxir á man bastante tempo, cargar o leite, atender a casa e criar os fillos", rememora Carmen López, a gandeira maior da granxa.

Moitas cousas mudaron desde entón, pero a día de hoxe ningunha das dúas bota de falta outra vida.

"Somos mulleres totalmente actualizadas, igual que as que viven na cidade, cos mesmos recursos ou incluso mellores porque temos unha calidade de vida excepcional. Poder criar o teu fillo nun ambiente así e inculcarlle todos os valores do rural, para min non ten prezo", asegura Quiara.

"Crieime na aldea e dicía o meu marido... vivir nun piso é como quen mete unha persoa nunha gaiola. E este é o meu futuro ata que morra", di Carmen.

Saben que a escolla depende das condicións de vida.

"Para que a xente quede no rural o primeiro que ten que ser é que o rural estea ben remunerado, para que a xente queira quedar. Se ti non podes vivir dignamente do rural malamente vai quedar a xente", reclama Quiara.

O mantemento das escolas, dos servizos médicos e das comunicacións son, a día de hoxe, un requisito imprescindible para que elas poidan elixir onde quedar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade