Publicador de contidos

Publicador de contidos

A colleita da pataca leva un mes de atraso na Limia

A colleita da pataca leva un mes de atraso na Limia

O rendemento está a ser máis baixo do normal pola seca do verán

G24.gal 13/10/2025 14:02

A poeira que levantan as máquinas colleiteiras é un sinal do seca que está a terra. Os pataqueiros regan durante o verán, pero a seca foi tan grande e as temperaturas tan altas, por riba dos 35 graos, que non había auga que chegara.

"A auga que lle botabamos non abondaba: regabas de noite e, de día, coa calor, chamuscábanse". "Como non choveu en todo o verán, atrasouse o ciclo da pataca e non puidemos empezar ata hai uns días", sinalan dous produtores.

A falta de auga nótase tamén no rendemento das parcelas. Se a media habitual na Limia é duns corenta mil quilos por hectárea, hai zonas onde están quedando pola metade.

Servando Álvarez, técnico do INORDE: "Aquel agricultor que non tivo problemas de nacenza ten boa produción, entre 40 e 50.000 quilos por hectárea. E os que tiveron problemas de nacenza están collendo medias de 20.000 quilos, que é moi pouquiño".

A colleita vai este ano con máis dun mes de atraso, porque tamén se atrasou a sementeira debido á chuvia da primavera.

Camilo Maus, produtor: "É un ano moi complicado. Sementouse moi tarde. Despois veu moita calor e a pataca non creceu como debía. Pero a calidade parece boa".

O maior problema agora mesmo son os prezos, por baixo dos custos de produción. "Os contratos máis ou menos defenden, pero as de mercado libre están moi por debaixo dos custes de produción, a metade incluso". "Falan sobre 15 céntimos que, como non suban máis, é unha castátrofe grande: á parte de haber poucas, vendelas baratas...", comentan Servando e un produtor.

Calculan que a estas alturas vai recollido o 40 por cento da produción, a maior parte a semana pasada. Xornadas intensivas para rematar antes de que veña a chuvia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade