Os gandeiros temen polas consecuencias desta vaga de calor
A herba e o millo estragados son algúns dos efectos das altísimas temperaturas que estamos tendo
Gandeiros galegos amósanse temerosos das consecuencias terribles que están tendo as altísimas temperaturas que houbo en Galicia estas semanas, que en moitos lugares roldaron os corenta graos. Unha seca que trae como consecuencias a perda do alimento para o gando, xa que esta calor afecta notablemente á herba e tamén a outros cultivos coma o millo.
"A segunda corta de herba para ensilar foi moi cativa, incluso deixei prados sen segar porque non era viable segalos. Agora a pouca herba seca que se podía recoller practicamente non hai" di o gandeiro Xosé Luís Tomé
" Coas altas temperaturas secou todo. Se chove algo haberá millo e se non, non haberá nada" di Manuel Troitiño, gandeiro
Ademais, as vacas abafan, xa que as temperaturas que superan os 22 ou 23 graos xa supoñen un estrés para este gando, segundo nos contan. Ademais, os animais deixan de comer e a produción de leite descende notablemente. Tamén hai que ter coidado coa maquinaria porque o lume prende moi axiña.
"O ano pasado segando herba para seco tiven un momento en que me prendeu lume no campo. Conseguín apagalo pero a un veciño ardeulle media carballeira"
A compra de alfalfa ou polpa de remolacha son algunhas das solucións que toman os gandeiros, pero aqueles cos que falamos concordan ao dicirnos que estamos asistindo á progresiva desertización do agro.