Valos virtuais para o gando para loitar contra os incendios
É un proxecto piloto que emprega colares equipados con tecnoloxía GPS fabricados en Galicia
A través dos dispositivos acóutase a superficie de pasto das reses en extensivo para proceder á roza natural
A aplicación móbil asociada permite monitorizar a posición dos animais cada dez minutos
A conselleira de Medio Rural presentou no municipio ourensán de Muíños un proxecto piloto de valo virtual para gando vacún concibido para optimizar a prevención de incendios forestais nas franxas próximas ás vivendas.
A medida, froito do acordo entre a Xunta e a empresa pública Seaga para a xestión da biomasa, emprega colares equipados con tecnoloxía GPS fabricados en Galicia pola firma Innogando. A través destes dispositivos acóutase a superficie de pasto das reses en extensivo para proceder á roza natural de matogueira en puntos estratéxicos.
"Na tarefa vital da prevención é imprescindible que esteamos todos involucrados", dixo a conselleira.
Gómez afirmou que esta ferramenta tamén resulta "moi útil" para mellorar as condicións de traballo dos gandeiros e o benestar do rabaño. A aplicación móbil asociada permite monitorizar a posición dos animais cada dez minutos e controlar as súas rutinas durante as 24 horas do día para previr patoloxías.
O sistema opera con total independencia enerxética grazas a placas solares integradas e a unha rede propia de cobertura que impide que o gando pase os límites virtuais fixados desde o teléfono móbil.