Prisión provisional para tres detidos polo asalto violento a un ancián en Vigo
Ao home, de máis de 90 anos, ameazárono cunha arma de fogo e cun coitelo na súa casa de Coruxo
Os arrestados están investigados por roubo, pertenza a grupo criminal, detención ilegal e outros delitos
Tres días despois do primeiro asalto, os delincuentes volveron ás inmediacións da vivenda para roubar unha furgoneta con maquinaria de obra

O Xulgado de Instrución número 4 de Vigo ordenou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, para tres homes detidos pola súa presunta implicación no asalto a un ancián na súa vivenda da parroquia viguesa de Coruxo.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia informou de que os arrestados, capturados este mércores pola Policía Nacional, están investigados por roubo en casa habitada, pertenza a grupo criminal, detención ilegal, lesións, estafa e subtracción de uso dun vehículo a motor.
Ataque con violencia extrema
Os feitos sucederon o 15 de xullo, cando catro persoas encapuchadas entraron na vivenda e ameazaron o home, de máis de 90 anos, cunha arma de fogo e un coitelo. Atárono a unha cadeira e golpeárono con violencia ata que lles entregou 20.000 euros en metálico e unha tarxeta bancaria coa clave. Logo fuxiron co botín e intentaron, sen éxito, retirar cartos nun caixeiro automático próximo.
O 18 de xullo, tres días despois do primeiro asalto, os delincuentes volveron ás inmediacións da vivenda para roubar unha furgoneta con maquinaria de obra, que abandonaron danada no parque forestal de Coruxo. Finalmente, a Policía detivo tres dos implicados este mércores nunha casa da mesma parroquia, nun operativo no que participaron efectivos do Grupo de Operacións Especiais de Seguridade (GOES) e da Unidade de Intervención Policial (UIP).
No rexistro do inmoble, os axentes interviñeron dúas armas simuladas, roupa empregada nos delitos, caretas, diñeiro en efectivo e diverso material vinculado a outros feitos delituosos rexistrados na provincia na última semana e posiblemente tamén anteriores. A investigación continúa aberta para localizar o cuarto participante no asalto.