Robles asegura que a UME e o Exército estarán en Galicia "o tempo que sexa preciso"
Ademais da operación Sentinela, o Exército ten despregados medios humanos e materiais na operación Cortalumes, con apoio loxístico aos bombeiros
A Ministra de Defensa visitou este sábado a brigada "Galicia VII" da BRILAT en Pontevedra e o centro de coordinación do incendio de Vilaboa, coa situación estabilizada
Nunha visita realizada este sábado á base da BRILAT en Vilaboa, a ministra supervisou os operativos que o Exército ten despregados na nosa comunidade para facerlle fronte á vaga de incendios. 300 soldados deste cuartel participan na operación Sentinela, que foi reforzada este ano con 15 patrullas.
Outros 160 efectivos, ademais de maquinaria e medios técnicos, integran a operación Cortalumes, de apoio loxístico á UME, ofrecido polo Goberno ás comunidades máis afectadas polo lume.
A Xunta pídelle ao Goberno que manteña os medios nos traballos necesarios de preparación do terreo para cando cheguen as chuvias.
A operación Sentinela, pensada para a vixilancia disuasoria e a alerta temperá, está activa dende o 15 de agosto. Nas provincias de Lugo e Ourense despréganse dous terzos das patrullas. No operativo participan tamén efectivos do terzo Norte da Armada con sede en Ferrol.
A ministra de Defensa, Margarita Robles, tamén se desprazou ata o centro de coordinación do incendio de Vilaboa, onde a situación está máis "estabilizada" e desactivouse o nivel 2, aínda que os medios mantéñense alerta porque o lume aínda non está apagado.
A ministra agradeceu o esforzo e dedicación á UME, pero tamén aos servizos de extinción autonómicos: "Eu falo dos militares porque é o que me toca, pero teño o mellor concepto de todos vostedes", díxolles.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, tamén presente, destacou que o servizo de extinción é "espectacular, do mellor do mundo".