Publicador de contidos

Publicador de contidos

Primeira escala na Coruña do cruceiro Brilliant Lady

Primeira escala na Coruña do cruceiro Brilliant Lady

É o transatlántico máis novo da navieira Virgin Voyages

Está enfocado a un público adulto e non admite menores entre os pasaxeiros

G24.gal 23/08/2025 15:26

Inicialmente a escala ía ser en Dublín, pero o furacán Erin obrigou o cruceiro Brilliant Lady a desviarse ao porto da Coruña. O transatlántico da navieira Virgin está realizando unha travesía de proba con mil convidados a bordo antes da súa viaxe inaugural prevista para os primeiros días de setembro.

Aí van algunhas cifras do maxestoso Brilliant Lady: douscentos oitenta metros de eslora, mil catrocentos camarotes e unha tripulación de máis de mil profesionais centrada en ofrecer o máximo confort a 2.700 pasaxeiros. A primeira escala na Coruña do último cruceiro da compañía Virgin celebrouse co habitual intercambio de métopas. Falamos dun transatlántico peculiar, enfocado a un público adulto. 

"Non hai nenos a bordo, a idade mínima son dezaoito anos. Non é só un cruceiro para vir de festa, senón tamén para descansar e relaxarse", explica Alberto, que dirixe o hotel do barco.

Percorremos dúas das dezasete plantas do transatlántico. Cun deseño moderno e dotado dos últimos avances tecnolóxicos, o Brilliant Lady presume, coma todas as embarcacións desta navieira, do seu compromiso medioambiental. Visitamos a piscina exterior e atravesamos un dos seis restaurantes de especialidade a bordo. Seis culturas gastronómicas diferentes das que están gozando os convidados que viaxan no Brilliant Lady nesta navegación de proba.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade