Un modelo de prevención do lume nos Ancares con queimas prescritas e pastoreo
A microbiota desaparece nos solos queimados e impide unha rexeneración en décadas
As investigacións constatan a eficacia da sementeira directa de trigo do país ou centeo
A produtividade dos terreos arrasados polo lume tarda, segundo os expertos, décadas en recuperarse. No Campus de Lugo os investigadores da Escola Politécnica estudan como quedan os solos despois do lume e como se debe actuar tanto para rexenerar este terreos como para facer prevención e evitar que os incendios se propaguen sen control.
"Nos grandes incendios que houbo o que se produciu foi unha degradación e destrución total do chan. A microbiota desaparece, a vexetación potencial que podería rebrotar desaparece e é moi difícil, sobre todo na zona de Ourense coas precipitacións tan baixas que hai, que haxa unha recuperación que permita salvar ese solo", asegura María Rosa Mosquera Losada, catedrática do departamento de Produción Vexetal da USC
As investigacións que levan anos facendo na Escola Politécnica Superior de Enxeñería constatan que sementar de forma directa trigo do pais ou centeo axuda a rexenerar a terra e ten mellor resultado ca a palla. Con todo, insisten en que o importante é planificar unha boa prevención.
"Como ben din os gandeiros o lume apágase no outono, non se apaga agora. Agora andamos á desesperada, que facemos, como facemos, casas que se perderon... Entón a solución aí é ter pastoreo. A día de hoxe nós temos un estudo nos Ancares, cunha densidade de poboación de catro habitantes por quilómetro cadrado, polo que non temos gandeiros. Pero temos unha gran superficie chea de matogueira, e unha das solucións máis económicas é facer unha queima de determinadas zonas de forma controlada e prescrita e cun pastoreo posterior de gando caprino ao principio. Cando se vai prarizando facelo xa con gando vacún de razas rústicas", explica Mosquera
Aseguran que estas medidas deben incluírse dentro dun plan estratéxico de prevención de incendios, para determinar en que lugares se realizan as intervencións que sirvan para parar os lumes.