Nos aeroportos xúntanse os que volven polo Nadal cos que viaxan a pasar as festas fóra
As aeroliñas refozan estes días as conexións que xa teñen ou abren novos enlaces para as festas nos tres aeroportos galegos
Moita actividade estase a rexistrar esta fin de semana nos tres aeroportos galegos. No de Santiago, a imaxe máis repetida era a das apertas. Tamén a das facianas de ilusión polo reencontro dos que volven a casa dende outros puntos da península ou dende países cono Alemaña ou Suíza.
"Espero ao meu fillo que ven de Barcelona. E xa levo tempo sen velo, dende o verán, xa teño ganas de que veña."
"Ven agora oito ou dez días e despois volve marchar, está traballando aló."
Son algúns dos que agardan para recibir aos que volven á casa polo Nadal. Desta volta o avión chegou con atraso, pero a maioría xa o esquecera en canto abriron as portas.
"Veño de Barcelona, veño a miúdo, pero hai seis meses que non me ven... xa vai ben."
"Vir á casa nestas datas sempre é emocionante, como mínimo. E nada, a gozar das festas."
"Eu veño dos Estados Unidos que traballo alí este ano e levo dez meses sen pisar terriña e verdade que facía falla. Con ganas de ver aos meus pais, á familia enteira, aos amigos..."
Tamén hai quen racha coa tradición e viaxa para coñecer outros xeitos de celebrar as festas, ou para se reunir coa familia que vive fóra
"Para ver ao fillo, a nora e mailo neto. Estarei alí ata o día seis de xaneiro."
Aínda quedan por diante días de moito trafego nos aeroportos galegos ata que remate a campaña de Nadal, xa na segunda semana de xaneiro.