Anciáns que viven sós comparten fogar con persoas que buscan unha vivenda, a solución creativa dunha ONG
Anciáns que viven sós comparten fogar con persoas que buscan unha vivenda, a solución creativa dunha ONG
O programa busca dar compañía a persoas que viven soas, a cambio de ofrecer un fogar a outras persoas que non teñen onde vivir
Concello, Xunta e Goberno cofiancian a inicativa que xa resolveu cinco casos na cidade de Pontevedra
A ONG Boa Vida centra o labor de busca de vivendas e mediación nas zonas rurais e periurbanas da capital
Persoas maiores que viven soas e precisan compañía... e persoas que buscan unha vivenda. Xuntar a ambas e facer que as dúas necesidades queden cubertas é o propósito da ONG Boa Vida, de Pontevedra. A través dun programa financiado polo concello, a Xunta e o Estado, resolveron xa cinco casos.
Eulogio, de 85 anos, levaba unha década vivindo só. Por problemas de saúde precisa unha compañía que lle axude no día a día.
"Vivo na soidade da casa. Se me pasa calquera incidente, posto que son diabético, xa caín dúas veces no baño..., é dicir, unha serie de problemas que me obrigan a necesitar unha compañía, que alguén me bote unha man e me axude nun momento determinado", recoñece Eulogio Tordesillas, enxeñeiro xubilado que reside na cidade de Pontevedra.
Daquela entrou en contacto coa ONG Boa Vida. E decidiu participar no programa de fogares compartidos. Deu acollida nun principio a dúas persoas sen fogar, aínda que agora só convive cunha. Trátase dunha muller estranxeira -que prefire manterse no anonimato- que atopou deste xeito unha vivenda que levaba tempo buscando.
"Convivimos xuntos, ela bótame unha man en compañía, cada un no seu sitio, e vivimos a vida", di Eulogio.
Dúas necesidades que quedan así satisfeitas e dous problemas que se resolven.
"É un beneficio de ganancia-ganancia. É dicir, ti gañas unha compañía, por se estás enfermo ou precisas de non estar só; e por outra parte estás ofrecendo parte do teu para acoller unha persoa que necesita unha vivienda", explica Toño Ramírez, tesoureiro da ONG Boa Vida que leva décadas traballando en Pontevedra con programas de inclusión social, loita contra a soidade sobrevida e non desexada, así como proxectos de busca de fogares a persoas sen teito.
A ONG ten ducias de peticións, pero por agora só logrou cinco fogares, dous deles con alugueiro ético. Buscan sobre todo na zona rural e periurbana, pero non é doado. Especialmente polos prexuízos á hora de meter na casa a descoñecidos.
"Buscamos persoas maiores que teñan esa necesidade e ás que dar o paso cunha asocaición como a nosa, pois se cadra élles máis doado", sinala Toño.
O programa está cofinanciado polas tres administracións e supón unha alternativa creativa mentres non arranxan o grave problema da falta de vivenda asequible.