A oferta de vivendas á venda caeu un 11% no conxunto de España
En Galicia a oferta baixou nas catro provincias
Levamos tempo, aproximadamente desde a pandemia, con menos vivendas á venda que persoas interesadas en comprar. O déficit da oferta respecto da demanda rolda as 500.000 vivendas cada ano.
Un estudo publicado polo portal inmobiliario Idealista mostra que a situación vai a máis. No último trimestre de 2025 a oferta de casas e pisos dispoñibles para comprar reduciuse nun 11% no conxunto de España, en relación co mesmo período do ano anterior.
Só seis capitais grandes ou con mercados moi dinámicos, como Madrid e Santa Cruz de Tenerife, incrementaron o volume de vivendas para vender. En Galicia, a oferta baixou nas catro provincias. E a menos oferta, prezos mái altos.
"O ano pasado houbo zonas en que chegaron a subir entre un 15 e un 30%. Este ano espérase que se moderen un pouquiño porque hai prezos aos que moita xente non é capaz de chegar. As estatísticas apuntan a subidas de máis ou menos un 7%", indica Fernando Casás, secretario da Asociación Galega de Inmobiliarias.
A capital galega onde caeu máis a oferta de vivendas á venda, un 34%, foi Ourense, e a que menos, a Coruña, onde a oferta se reduciu nun 7%.
No sector non ven un cambio a curto prazo.
"Aínda que se empecen a facer vivendas novas agora, entre todos os trámites burocráticos e o que é a obra, ata practicamente dentro de tres anos non imos poñer vivenda no mercado", explica Fernando Casás.
Na Asociación Galega de Inmobiliarias cren que unha medida provisional para aliviar a tensión do mercado sería que os concellos favorecesen o cambio de uso dos baixos.
"Hai concellos que non o facilitan nada e sería unha medida que a curto prazo poría vivenda no mercado polo menos para alugueiro", afirma o secretario da Asociación Galega de Inmobiliarias.
Fernando Casás espera que a falta de vivenda no mercado de compravenda anime os promotores a construír pero recorda que para iso é preciso que os bancos axuden a financiar.