Diversum, a cafetería viguesa que é un lugar de integración e oportunidades para persoas discapacitadas
Diversum, a cafetería viguesa que é un lugar de integración e oportunidades para persoas discapacitadas
Dos once traballadores que ten o local, tres deles teñen síndrome de Down
Como cada 21 de marzo, celebramos o día Internacional do Síndrome de Down, unha alteración xenética, non unha enfermidade, que se traduce nunha discapacidade intelectual. Nós achegámonos á cafetería Diversum de Vigo porque nela traballan tres persoas con síndrome de down.
Samuel, Andrea e Martín son tres camareiros que traballan nesta cafetería que é un proxecto sen ánimo de lucro creado para integrar a persoas con discapacidade. En total son once os traballadores e deles tres teñen síndrome de Down.
Dúas nais, María Xosé e Rita, crearon este proxecto ao que chamaron Diversum, coa certeza de que a diversidade non é unha limitación senón unha oportunidade. Oportunidade laboral para os traballadores e oportunidade para ter un mundo mellor, máis humano e máis inclusivo.
Diversum nace en 2022 da man de dúas nais con fillos que teñen síndrome de Down. Non deixa de ser unha cafetería pero funciona como un proxecto de integración laboral. Os nosos tres protagonistas, Samuel de 31 anos e Andrea e Martín de 28, formáronse e agora fan quendas de media xornada. Serven as mesas, límpanas, móntanas e axudan aos outros compañeiros, tamén con distintas discapacidades, cando os reclaman.
"Si que me gusta este traballo pero hai que traballar e hai que obedecer. Teño que recoller as mesas e limpar as cadeiras", explica Samuel Comesaña, que ten Síndrome de Down e traballa coma camareiro en Diversum.
Están formados e teñen un emprego digno e remunerado que desenvolven ao seu ritmo, á perfección. Así participan nunha sociedade que lles pertence e que non debe illalos. De feito o lema neste 2026 do día internacional do Síndrome de Down é "Xuntos contra a soidade"
"Non é habitual que poñan pegas ao esforzo e gústalles o traballo ben feito. Cremos moito en que nun equipo que ten xente con diferentes capacidades e diferentes persoas, ao final o que gaña é o equipo. Este é un proxecto que amosa que este é un lugar de oportunidades para todo o mundo sen excepción", conta á TVG María Xosé Giganto, a nai de Andrea e unha das creadoras de Diversum.
"Eu dixen que nunca volvería á hostalaría. Tíñao clarísimo porque este é un traballo mi duro. Pero cando me explicaron o proxecto non o dubidei. E díxenme, si, vouno facer. Hai que visivilizalos. O mundo ten que cambiar e darse conta que o mundo non pode ser o que era antes. Hai que darlles a oportunidade de demostrar o que valen. E eles son capaces de facer o seu traballo perfectamente", engade emocionada María Xosé Domínguez, a encargada de Diversum.