Menús para cans, a aposta dunha cafetería pet friendly da Coruña
As familias con mascotas arelan máis lugares nos que poder compartir experiencias con elas
Non lles contamos nada novo se lles dicimos que cada vez hai máis cans nas nosas cidades. En Galicia hai censados ao redor de oitocentos mil. A sociedade estáse adaptando a esta nova realidade, ofrecendo novos espazos para compatirmos con eles. Os cans xa son benvidos en moitas cafeterías. Mesmo hai algunhas nas que poden gozar dunha experiencia gourmet completa.
Sempre hai unha lambetada para todos os cans que entran en Sammy Pet Café. Angie e a súa socia Lorena imaxinárona mentres compartían paseos cos seus samoiedos e se lamentaban pola ausencia de lugares na Coruña nos que poder compartir tempo de calidade con eles.
"Era necesario un lugar no que poder parar ao volver do parque e no que eles tamén poidan sentirse especiais porque son seres especiais para nós", explica Angie España.
Sammy Pet Café é un local deseñado para os cans no que os humanos tamén son benvidos. Teñen carta para bípedes e seis menús diferentes para os cuadrúpedes.
"Peixe, tenreira, porco, pavo, menú vexetariano... Tamén temos 'dognuts', que son como galletas para eles. Ademais temos o 'perruccino' e o 'perrilatte', que son bebidas a base de kéfir, alfarroba e iogurt", enumera Yuri Castro, encargado da cafetería.
Na Coruña hai censados uns 32.000 cans. As familias que comparten vida con eles arelan máis espazos coma este, para todos os padais e para todos os fociños.