Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Citas a cegas" para recuperar o contacto coma nas tabernas de antes

"Citas a cegas" para recuperar o contacto coma nas tabernas de antes

Un bar de Santiago, especializado nos xogos dos 90, promove que a clientela que acode soa se coñeza entre ela

Crearon un taboleiro de contactos e o domingo 25 convocarán os inscritos para unha tarde de xogos 

G24.gal 18/01/2026 10:51 Última actualización 18/01/2026 11:35

Un taboleiro baleiro á entrada dun bar especializado nos xogos dos anos 90 non podía ter un uso que non fose analóxico e social. Iso foi o que pensou o propietario da Senda do Pool, en Santiago, cando decidiu escribir: "Cita a cegas" cun espazo baleiro para que a xente anotase o seu teléfono.

O uso do taboleiro ata que chegou decembro estaba claro, anunciar os partidos, pero veu o Nadal e non había fútbol así que no local pensaron que outra función lle podían dar.  

"Vexo a xente que vén a xogar soa ao billar, ao futbolín, vén soa ver o fútbol, e faltábame a relación entre esas persoas que non conectaban con ninguén. Ocorréuseme entón un taboleiro de contactos. Díxenlle á miña filla pon aí: "Messenger, a senda do Pool" a ver canta xente, ao ver cita a cegas, queda entre eles. Pasaron dous ou tres días e agora xa hai 18 números de teléfono. Que pasa? Que a xente non se chama porque ten vergoña", conta Iago Navaza, da Senda do Pool e impulsor da iniciativa.

Aí foi cando Iago decidiu que tiña que poñerlle remedio á timidez.

"Eu creo que o concepto vai de volver ás relacións que tiñamos antes, de proximidade, de contacto, de verse. A xente anotouse e non se chamaron entón tócame a min facer de Celestino. Imos xuntalos todos nun día, un domingo, e vounos convidar a xogar ao futbolín, aos dardos agrupados aleatoriamente para que se coñezan. A partir de aí se queren volver quedar, xa será cousa deles".

Así que o domingo día 25 será a data do encontro, ante un taboleiro de xadrez, de parchís ou arredor dunha mesa de billar. Os participantes decidirán se desta cita a cegas saen novos adversarios dos xogos, amigos con afeccións comúns ou incluso compañeiros de vida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade