Arde a cociña dun céntrico restaurante de Ourense mentres preparaban o xantar
Semella que unha lapa prendeu na campá extractora e queimou a estancia, pero non se produciron danos persoais
Os bombeiros evitaron que o lume se propagase polas vivendas que están por riba do establecemento
O edificio foi desaloxado de forma preventiva
A cociña do céntrico restaurante Monterrey, en Ourense, quedou completamente calcinada. O incendio comezou este sábado cando traballaban para dar a primeira comida do día.
Parece que a causa do lume foi unha lapa que saltou cara á campá extractora e que se estendeu rapidamente pola zona de traballo.
Os bombeiros evitaron que o lume se propagase polas vivendas que están por riba deste establecemento e polos locais lindeiros. Afortunadamente non se produciron danos persoais.
O restaurante, en plena zona vella, tiña practicamente cuberta a capacidade para as festas e con este incendio os propietarios dan por perdida a campaña de Nadal.
O edificio da rúa de San Miguel, onde está situado o restaurante, foi desaloxado de forma preventiva.