As casas de veraneo de Corrubedo, no punto de mira dos ladróns
O último intento de roubo ocorreu este mesmo mércores, despois doutros dous no que vai de semana
Delincuentes habituais entraron tamén no Centro Social de Carreira e nun bar do centro de Ribeira
Acaba de ser. Vírono este mércores á media mañá. Último intento de roubo en Corrubedo.
"Romperon o portal, a porta e a ventá da praia e isto é un desacougo porque é todos os días, todos os días", laméntase a veciña que deu aviso á policía.
Un desacougo, porque no que vai de semana levan tres casas e o certo é que no inverno aquí téñeno fácil.
"Para eles é unha salsa porque, como é unha vila de turistas, van, veñen e fan o que queren", engade a muller.
"No mes pasado, foron cinco e esta semana, con esta van tres. As casas están pechadas e non oímos nada", confirma outro veciño.
Polo que fora, aquí non o conseguiron. Nas dúas anteriores tiveran máis sorte. Tamén casas de veraneo, neste caso de xente que vive no País Vasco. Por esta foto, soubo un dos propietarios que lle entraran na casa. Fixo máis de 600 quilómetros para ver a desfeita.
"Avisoume onte ás dez da mañá a veciña que nos mira pola casa de que nos entraran a roubar. Dixo que estaba todo desfeito e a porta rompida. Vinme e os caixóns da cociña estaban tirados, o armario onde temos as zapatillas e a roupa de verán, tamén tirado e todo así. Os cables da televisión..., todo", explica o propietario dunha das casas.
Tentárono ou tentouno pola porta e conseguiuno pola ventá. Mesmo fixo un burato para apoiar o pé. Unha vez dentro, campou ás súas anchas, coa complicidade que dá a falta de veciñanza.
"Levaron unha televisión grande de aquí, outra dun cuarto, dous calefactores, un deshumidificador para a humidade, e aínda estou facendo reconto. A televisión era de 50 polgadas, ocupaba todo o estante, era grande", detalla o home aínda en 'shock'.
Ás veces hai sorte e os obxectos recupéranse porque xa saben onde buscar. No caso de Corrubedo, todas as miradas apuntan a un veciño que ten máis dunha ducia de detencións por roubos.
"No Nadal foi outro grupo de persoas e levaron outro tipo de obxectos, pero esta persoa vai a cousas concretas, como bebidas alcohólicas ou algún electrodoméstico que lle faga falta", confirma outra veciña.
Pasa o mesmo en Carreira, co que entrou no centro social. Rebentou a cristaleira cun cacho de lastra. Sospéitase dun veciño da parroquia.
Esa mesma noite, tamén saquearon un bar do centro de Ribeira. Outro máis e outra vez porque xa lle entraran máis veces. Todo apunta a dous delincuentes habituais, dos que buscan cartos rápidos para unha dose.