Mouliaá anuncia que retira a acusación de abuso sexual contra Errejón
A actriz argumenta que "non é unha retractación", que o fai "por saúde"
O exportavoz de Sumar manterá a querela por calumnias contra Mouliaá
A acusación popular non se retira
Europa Press
A actriz Elisa Mouliaá comunicou este mércores que retira a acusación que mantiña contra o exdeputado Íñigo Errejón por presunto abuso sexual. A través das redes sociais, a actriz argumentou que "non é unha retractación, é un límite", explicando que toma esa decisión porque "ningunha outra vítima deu o paso" e sente "soa sostendo todo".
"E non podo seguir facéndoo. Non porque non sexa verdade, senón porque ninguén debería cargar soa con algo así. Se a xustiza continúa, por tratarse dun proceso de natureza pública, farao sen a miña participación. Eu retírome coa conciencia tranquila", asegurou.
E reivindicou que ela saíu "a soas dar a cara, con nome e apelidos, para confirmar que todo era certo cando se poñía en dúbida e para protexer a outras mulleres".
"Non fuxo, termino a miña parte demostrando que non quero diñeiro nin protagonismo: a verdade xa camiña soa", sostivo.
Mouliaá pedía que Errejón fose condenado a 3 anos de cárcere e a pagarlle 30.000 euros de indemnización por danos morais por presuntos abusos que terían lugar en outubro de 2021. A Fiscalía de Madrid pediu ao xuíz instrutor, Adolfo Carretero que arquivase a causa contra o exdeputado, ao entender "insuficientes" os indicios delituosos na súa contra como para formular escrito de acusación.
O exportavoz de Sumar manterá a querela por calumnias contra Mouliaá
Íñigo Errejón manterá a súa querela por presuntas calumnias contra Elisa Mouliaà. Fontes da defensa de Errejón indicaron a EFE este mércores a intención do politólogo de seguir adiante coa súa querela contra Mouliaà co obxectivo de demostrar a súa inocencia.
Estas fontes consideran que a actriz se botou atrás na súa acusación por agresión sexual contra Errejón porque a situación era "insostible" ao ter á Fiscalía en contra, dado que o Ministerio Fiscal non acusaba nesta causa.
Esta parte sostén así mesmo que Mouliaà renunciou dous días antes de que o seu avogado fose abandonar a súa representación e porque quería negociar a retirada da súa denuncia para que Errejón retirase, á súa vez, a súa querela por calumnias. Con todo, ao ser consultado por EFE o letrado da actriz, Alfredo Arrién, negou que houbese unha negociación sobre a mesa e indicou que o seu consello era seguir adiante co procedemento.
Por outra banda, a acusación popular, que exerce Adive, decidiu manter a acusación tras ler o comunicado de Mouliaà, posto que a actriz mantén o relato de "graves feitos que atentan contra a liberdade sexual".