Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres anos e sete meses de cárcere para unha nai de Lugo por prostituír a súa filla, de 12 anos

Tres anos e sete meses de cárcere para unha nai de Lugo por prostituír a súa filla, de 12 anos

Nun principio, o Ministerio Fiscal pedía para ambos os acusados unha condena a 27 anos de prisión por delitos de agresión sexual continuada e indución á prostitución de menores

Ademais da pena privativa de liberdade, os dous acusados aceptaron indemnizar a vítima “conxuntamente” con 150.000 euros polos danos morais que lle ocasionaron

A nai recibía un pago de cincuenta euros por cada agresión sexual 

Acusados da prostitución da menor
G24.gal 29/01/2026 12:39

Tres anos, sete meses e catro días de cárcere é a pena que aceptaron este xoves na Audiencia Provincial de Lugo unha nai que recoñeceu prostituír a súa filla menor de idade, desde que tiña doce anos, e o home que a agrediu sexualmente entre os anos 2017 e 2019.

Aínda que inicialmente o Ministerio Fiscal pedía para ambos os acusados unha condena a 27 anos de prisión - 15 pola agresión e 12 pola indución a prostitución- por delitos de agresión sexual continuada e indución á prostitución de menores, finalmente, un acordo de conformidade deu lugar a unha notable redución de pena, dado que ambos recoñeceron os feitos e aplicáronselles dúas atenuantes, a de dilacións indebidas e a de reparación do dano.

De feito, ademais da pena privativa de liberdade, os dous acusados aceptaron indemnizar á vítima “conxuntamente” con 150.000 euros polos danos morais que lle ocasionaron.

Antes da celebración da vista oral xa consignaran 100.000 euros e durante o xuízo adquiriron o compromiso de facer efectivo o pago dos 50.000 euros restantes en cinco anos, a razón de 10.000 euros por anualidade.

Ademais, a ambos os acusados impónselles unha medida de liberdade vixiada durante cinco anos, unha vez cumprida a pena privatiza de liberdade, que non poderá ser suspendida, de modo que ambos ingresarán proximamente en prisión.

Á nai tamén se lle impuxo unha pena de 40 días de traballo en beneficio da comunidade por un delito de malos tratos no ámbito familiar, despois de recoñecer na vista oral que lle pegou á súa filla no transcurso dunha discusión en xaneiro do ano 2020.

Segundo recoñeceron ambos os procesados na vista oral, o home convenceu á nai da vítima no ano 2017, cando a nena tan só tiña doce anos, para que lle permitise acceder á menor a cambio de diñeiro.

A pesar de que ambos coñecían o rexeitamento da nena, as agresións sexuais tiveron lugar ata novembro de 2019, coincidindo co catorce aniversario da menor, unhas “dúas ou tres veces” por semana e en diferentes lugares de Lugo, onde a nai levaba a nena. A cambio recibía un pago de cincuenta euros cada vez.

O avogado que exerceu a acusación particular, Jacobo Vázquez, explicou aos medios de comunicación que o obxectivo do acordo alcanzado entre as partes era conseguir “o mellor para a nena”.

“Vista a xurisprudencia e despois de analizar os feitos, tentamos que ela tivese a máxima indemnización posible para poder reparar un pouco o dano, que evidentemente é irreparable, porque estes feitos son moi duros, pero esperamos que a vítima poida refacer a súa vida, empezar de cero”, insistiu.

Hai que ter en conta que a petición inicial da fiscalía era unha indemnización de 20.000 euros que agora quedou fixada en 150.000. "O que vemos en sentenzas tanto da Audiencia Provincial coma do TSXG coma do Supremo é que as indemnizacións non pasan dos 50 ou 60.000 euros, nós pedimos unha cantidade moi elevada."

Os acusados terán que respectar ademais unha orde de afastamento  e liberdade vixiada durante cinco anos cando saian da cadea e prohibición durante 8 anos para calquera actividade ou oficio que supoña relación con menores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade