Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pídenlle 20 anos de cadea por violar a súa parella en Lugo e alega que foron "xogos sexuais" consentidos

Pídenlle 20 anos de cadea por violar a súa parella en Lugo e alega que foron "xogos sexuais" consentidos

Está acusado de reter a súa parella durante varios días no seu domicilio, agredila fisicamente, insultala e sometela a varias agresións sexuais

Imaxe de arquivo da Audiencia Provincial de Lugo (TVG) Imaxe de arquivo da Audiencia Provincial de Lugo (TVG)
G24.gal 07/09/2026 19:20

 A Audiencia Provincial de Lugo celebrou este luns o xuízo contra un home acusado de reter a súa parella durante varios días no seu domicilio, agredila fisicamente, insultala e sometela a varias agresións sexuais.

A Fiscalía reclama para o procesado, que o atribuíu a "xogos sexuais" consentidos, unha pena que, en conxunto, que se aproxima aos 20 anos de prisión, amais de diversas prohibicións de achegamento e comunicación coa vítima.

Segundo o escrito de acusación, a muller acudiu o 27 de agosto de 2024 ao domicilio do acusado, en Cangas, onde permaneceu ata o 1 de setembro. Durante eses días, o procesado impediría que abandonase a vivenda e controlaría as súas pertenzas e movementos. Ademais, presuntamente ameazouna con causar dano ás súas fillas menores e aos seus pais para incrementar o seu temor para saír do domicilio.

A acusación recolle varios episodios violentos. Nun deles, o home tiraría a muller ao chan, colocado un pé sobre a súa cara e golpeado o seu rostro.

Noutro, segundo Fiscalía, agarrouna polo pescozo con ambas as mans ata que perdeu o coñecemento. Tamén profriría contra ela diversos insultos e expresións vexatorias.

A Fiscalía sostén que o acusado inmobilizou a muller e mantivo relacións sexuais con ela a pesar de ser consciente de que se atopaba baixo os efectos de substancias que minguaban a súa capacidade para prestar un consentimento válido. Segundo o escrito, penetrouna en varias ocasións por vía vaxinal e anal.

A muller conseguiu finalmente abandonar o domicilio na madrugada do 1 de setembro. Cando se atopaba no interior do seu vehículo, o acusado accedería ao mesmo e propinaríalle varios golpes na cara.

Durante a vista, a vítima mostrouse moi nerviosa, afectada e cun gran temor ao acusado, o que obrigou a atrasar a sesión e a solicitar a asistencia dunha psicóloga. Ao final, e tras varios intentos, declarou entre bágoas asegurando que xa non lembraba todo o ocorrido durante aqueles días.

Tamén prestou declaración unha testemuña que asegurou atopar a muller moi alterada cando trataba de escapar. Segundo relatou, a vítima vestía un camisón e atopábase no seu vehículo, mentres o acusado a seguía chegando a introducirse na parte traseira do coche.

A testemuña explicou que intentou axudala, momento en que o procesado o insultaría e ameazaría, tratando de impedir que falase con ela. Finalmente, chamou a Garda Civil e unha ambulancia.

O acusado recoñece agresións durante tres anos de relación

O procesado, pola súa banda, recoñeceu durante o xuízo que mantivo unha relación sentimental duns tres anos coa muller e agredila fisicamente en varias ocasións.

Segundo a súa versión dos feitos, tiveron unha discusión aos poucos días de estar xuntos na súa vivenda, deulle unha labazada e empurrouna, aínda que negou outros episodios de violencia e pediu perdón por esas agresións.

Tamén recoñeceu golpeala novamente o último día, cando, segundo o seu relato, ela se atopaba no interior do seu vehículo. Con todo, negou retela e asegurou que ela podía abandonar a vivenda cando quixese, relatando que ela estivera falando mesmo co seu sobriño. Recoñeceu, así mesmo, que ambos consumían drogas e que mantiveron relacións sexuais consentidas todos os días que permaneceron xuntos.

Respecto ao episodio da violación, o home recoñeceu que chegou a atala de mans e pés con cinta americana, pero asegurou que se trataba dun xogo sexual consentido. Finalmente, explicou que ela abandonou a casa porque el preferiu drogarse en lugar de ter relacións sexuais, "a ela non lle gustou e por iso foise".

O acusado atópase en prisión provisional desde outubro de 2024. Sobre el pesaba ademais unha orde de protección que prohibe aproximarse á vítima a menos de 300 metros e comunicarse con ela.

A Fiscalía considera os feitos constitutivos dun delito continuado de coaccións, tres delitos de lesións no ámbito da violencia de xénero, un delito de agresión sexual con penetración e un delito de vexacións inxustas.

Polo conxunto destes delitos, o Ministerio Público solicita, entre outras penas, 14 anos de prisión pola agresión sexual, tres anos polas coaccións continuadas e tres penas de nove meses polos delitos de lesións.

Reclama ademais medidas de afastamento e prohibición de comunicación coa vítima, liberdade vixiada durante dez anos e unha indemnización de 12.240 euros por lesións e dano moral, amais do custo da asistencia sanitaria prestada polo Sergas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade