Unha muller e un menor, trasladados ao Cunqueiro tras un incendio na súa vivenda de Vigo
O incendio afectou a unha campá extractora da cociña, e provocoulle queimaduras á muller e problemas polo fume ao menor
Arquivo TVG
Unha muller e un neno foron trasladados este luns ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo despois dun incendio rexistrado nunha vivenda situada en Camiño da Brea, que afectou a unha campá extractora da cociña.
Segundo informou o 112 Galicia, o suceso produciuse minutos antes das 14:30 horas, momento en que o menor contactou co servizo de emerxencias para alertar de que a cociña estaba a arder e de que a súa nai estaba a intentar apagar o lume.
A muller conseguiu finalmente extinguir as chamas, aínda que sufriu queimaduras nunha man e precisou asistencia sanitaria, mentres que o menor inhalou fume, polo que ambos foron evacuados.
Tras recibir o aviso, o 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros e as policías Nacional e Local de Vigo.
Á súa chegada, os bombeiros comprobaron que o incendio xa estaba apagado e que as chamas afectaran á campá extractora da cociña.