Cal é o prato máis típico de Galicia? Segundo o CIS, os callos
Galicia sorprende coa súa elección: non é nin o polbo nin o cocido: máis do 55% escolleron os callos
A tortilla, preferentemente con cebola, destrona a paella en España como o prato máis representativo
Un percorrido polas nosas festas e romarías dá idea da nosa riqueza gastronómica e da dificultade para escoller o prato máis típico. Na rúa falan sobre todo do polbo á feira e do cocido, pero segundo a última enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas, máis do 55 % dos galegos escolleron os callos como o prato máis representativo, para sorpresa de moitos.
Sábeno nos restaurantes e bares, onde cada vez se demanda máis unha receita de toda a vida, que require de boa materia prima e moito tempo para unha cocción lenta.
E en España a paella foi destronada por unha receita sinxela: a tortilla de patacas. Iso si, sete de cada dez españois prefirena con cebola e a maioría apostan porque sexa pouco feita.
O avance provisional de resultados do estudo sobre Turismo e Gastronomía, difundido este mércores e realizado a partir dunha enquisa realizada a unhas 6.000 persoas, sostén que para o 62,7 % dos españois a tortilla de pataca é o prato español máis típico (30,9 % en primeiro lugar e 31,8 % en segundo lugar).
Séguenlle a paella, elixida polo 61,1 % dos españois (o 36,5 colócana en primeira posición e o 24,6% en segunda), e o xamón ibérico, polo 42,7 % (o 24,2 % en primeira e o 18,5 % en segunda).
Sobre a tortilla española, o 71,2 % cre que debe facerse con cebola e o 22 %, sen cebola; mentres que o 56,3 % estima que debe deixarse pouco feita e o 27,2 %, moi feita.
Os pratos máis representativos varían por comunidades autónomas: en Andalucía impóñense o pescadito frito (40 %), o gaspacho (34,6 %) e o salmorejo (19,6 %), mentres que en Aragón destaca o ternasco (84,4 %); en Asturias, a fabada (81,4 %); en Baleares, a ensaimada (39,9 %); en Canarias, as papas engurradas con mollo picón (59,2%); e en Cantabria, o cocido montañés (77 %).
O 44,2 % dos enquisados en Castela e León apunta ao lechazo asado como a receita máis típica da rexión; o 34,2 % en Cataluña opina o mesmo do pan con tomate; o 78,2 % na Comunidade Valenciana, da paella; o 39,5 % en Estremadura, do xamón; o 76,4 % en Madrid, do cocido madrileño; e o 33,2 % en Murcia, da mariñeira.
Así mesmo, o 31,5 % dos navarros consideran a minestra de verduras o seu prato máis representativo; o 29,7 % dos vascos, o bacallau "ao pil pil"; o 59,1 % dos rioxanos, as patacas á rioxana; o 36,8 % dos ceutís, o peixe; e o 73,8 % dos melillenses, o cuscús.