Un home asalta cunha navalla o dono dunha tenda de lambonadas en Boiro
O buscado é un vello coñecido da Garda Civil con antecedentes por feitos similares na comarca
Un home armado cunha navalla asaltou o dono dunha tenda de lambonadas situada en pleno centro de Boiro. Pouco antes de pechar o negocio, atracou o propietario a punta de navalla para levar o que había na caixa.
A Garda Civil xa anda tras a pista do ladrón, un vello coñecido das forzas da orde con antecedentes por feitos similares na comarca.
Estaba a piques de pechar o negocio cando Chico, o propietario desta tenda de lambonadas situada en pleno centro de Boiro, recibía a visita dun home que entrou para facer unha compra.
"Sobre as nove e media entrou un cliente, eu o coñecía de vista, de vir algunha vez máis, dirixiuse cara a neveira das bebidas colleu unha bebida e levouna ao mostrador" comenta.
Mentres contaba as moedas que deixou enriba do mostrador, o asaltante aproveitou para situarse detrás de Chico e ameazalo cunha navalla.
"Mentres contaba os cartos, púxome unha navalla no peito e díxenlle que collera todos os cartos que había".
A esa hora xa retirara a recadación do día, deixando apenas uns cen euros en metálico, que foi o que levou o atracador.
O dono da tenda puntualiza que ademais "agora págase moito con TPV" polo que os cartos en efectivo dos que dispoñía na caixa eran escasos.
O propietario desta tenda presentou unha denuncia no posto da Garda Civil, que xa anda tras a pista do asaltante, un vello coñecido das forzas de seguridade, "xa saben quen pode ser" afirma Chico.
A investigación súmase a outras abertas por pequenos atracos levados a cabo nas últimas semanas en distintos puntos da comarca do Barbanza.