Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous detidos en Bertamiráns por un presunto delito de homicidio en grao de tentativa

Dous detidos en Bertamiráns por un presunto delito de homicidio en grao de tentativa

A investigación iniciouse por mor do apuñalamento dun home o pasado 19 de febreiro no parque Pazo da Peregrina

Os detidos son unha muller e o seu fillo que xa ingresaron en prisión

 

G24.gal 14/03/2026 11:54 Última actualización 14/03/2026 13:13

Axentes da Garda Civil de Santiago de Compostela detiveron un home e unha muller como presuntos autores dun delito de homicidio en grao de tentativa en Bertamiráns, no termo municipal de Ames.

A investigación iniciouse por mor do apuñalamento dun home o pasado 19 de febreiro a última hora da tarde no parque Pazo da Peregrina desa localidade, lugar de esparexemento frecuentado por menores e as súas familias.

No transcurso da investigación, os efectivos da Policía Xudicial pescudaron que o apuñalamento veu precedido dunha discusión entre a detida e un home.

Nun momento da mesma, a muller chama a outro home, encerellándose ambos os homes nunha pelexa a puñadas, uníndose posteriormente á pelexa a detida, o fillo desta e outra persoa.

Segundo informa a Garda Civil, durante a agresión a muller cravou á vítima un coitelo de cociña varias veces no tórax, tras o que os catro fuxiron do lugar, quedando o home tendido no chan, sangrando abundantemente.

Instantes despois, chegaron ao lugar unha patrulla da Policía Local de Ames e outra da Garda Civil alertados polos veciños, e procederon a taponar as feridas ata a chegada dos servizos médicos que o trasladaron ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Como froito da investigación, os axentes lograron a identificación dos agresores, sendo as catro persoas coñecidos das forzas de seguridade por ilícitos de diversa índole.

A Garda Civil procedeu á detención da muller e do seu fillo como presuntos autores dun delito de homicidio en grao de tentativa, e iniciaron un dispositivo de localización dos outros agresores.

Os detidos, xunto coas actuacións realizadas, foron postos ao dispor da autoridade xudicial de Santiago de Compostela, que decretou o seu ingreso en prisión. Os outros dous implicados quedaron en liberdade con cargos. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade