Os devastadores terremotos son un golpe moi duro para a economía venezolana, xa moi debilitada
Os analistas cren que o país non está preparado para afrontar unha emerxencia destas características
Nos últimos 25 anos Venezuela pasou da bonanza petroleira á ruína financeira
Ringleiras ás portas dos supermercados para conseguir auga potable. Imaxes dos anos máis duros da crise en Venezuela, que moitos temen que se repitan tras as dimensións desta catástrofe.
"Un país xa moi destruído en todos os sentidos e vén esta desgraza, e o peor desta desgraza é que non estamos preparados para enfrontala", di o analista venezolano Javier Conde.
A economía de Venezuela xa estaba debilitada polas sancións internacionais, a hiperinflación, a corrupción e a mala xestión do petróleo, a pesar de contar coas maiores reservas de cru do mundo.
"A curto prazo vai haber unha caída brusca do PIB e logo vai haber un efecto rebote que vai vir da man da reconstrución", explica Diana Fernández, profesora de Económicas da USC.
Unha reconstrución que será lenta e dependerá das axuda do exterior e das exportacións de petróleo que controla o Goberno.
"Se se manteñen e non se ven afectadas pola catástrofe poden ser unha vía de financiamento, pero si se ven afectadas pode agravarse o problema", engade a profesora Diana Fernández.
Nos últimos 25 anos Venezuela pasou da bonanza petroleira á ruína financeira.
"O custo da vida segue a ser alto, o salario mínimo dá vergoña, a pensión que recibo como xubilado equivale a medio dólar", asegura Javier Conde.
Desde a caída de Maduro suavizáronse as sancións e aumentou a produción de petróleo, pero a inflación segue a ser alta. Segundo a ONU, un terzo da poboación necesita asistencia humanitaria.