Liberdade provisoria para o condenado por dar a navalla ao mozo que apuñalou mortalmente a Yoel Quispe
Liberdade provisoria para o condenado por dar a navalla ao mozo que apuñalou mortalmente a Yoel Quispe
Ao termo do xuízo xa se declarara absolto un terceiro mozo, amigo dos anteriores, e que estivo presente ese día, sen chegar a ter participación, segundo defendeu a súa letrada
M. DYLAN/Europa Press
O maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña que presidiu o xuízo, con Tribunal do Xurado, polo apuñalamento mortal a Yoel Quispe -na Noiteboa de 2023 na cidade herculina -decretou a liberdade provisoria para o condenado por dar a navalla ao mozo que acabou coa vida da vítima.
Segundo fontes próximas ao caso, a medida, con obrigación de comparecencias, adóptase ata que haxa unha sentenza firme en relación a un caso contra o que agora -unha vez que se coñezan as penas que se lles impoñan- podería haber recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e despois ante o Tribunal Supremo. Neste último caso, habería xa a sentenza firme.
Isto despois de que o Tribunal do Xurado considerase a ambos os mozos culpables de asasinato, un como autor material da morte e outro como cooperador necesario.
O xurado chegou a esta decisión con unanimidade para o primeiro dos acusados, o que lle deu a puñalada mortal, e con maioría no caso do segundo condenado. Para ambos, Fiscalía solicitou unha pena de 20 anos de cárcere mentres que as acusacións particulares -en representación do pai e a nai da vítima- elevárono a 25 anos de prisión.
Ao termo do xuízo, xa se declarara absolto a un terceiro mozo, amigo dos anteriores, e que estivo presente ese día, sen chegar a ter participación, segundo defendeu a súa letrada. A absolución foi ditaminada polo xuíz por ausencia de probas contra el.