O detido polo atropelo mortal de Ames desprazouse desde Lugo por unha desavinza coa vítima
A Garda Civil investiga como asasinato o atropelo de Ames, ao apreciar aleivosía
Prisión provisional, comunicada e sen fianza para o arrestado
Fontes da Garda Civil sinalaron que o sospeitoso do atropelo intencionado ocorrido en Bertamiráns (Ames) se desprazara desde Lugo por unha desavinza previa coa vítima.
Os feitos aconteceron na madrugada do pasado 5 de agosto na avenida da Mahía da localidade. Alí produciuse un altercado físico entre ambos os dous que, segundo a Garda Civil, estableceran contacto hai un ano aproximadamente por actividades vencelladas ao sector da automoción.
Tras a discusión, a vítima encamiñouse cara á súa casa, situada a pouca distancia, e o presunto agresor subiu ao seu coche, un vehículo de alta gama. A investigación sostén que o condutor efectou un cambio de sentido brusco e, a toda velocidade, golpeou o outro implicado, quen sufriu traumatismos de extrema gravidade. O home chegou ao hospital en estado de morte cerebral e xa só se puido certificar o seu falecemento.
O suposto autor do atropelo intencionado abandonou o lugar axiña ante a chegada de familiares da vítima e, pouco despois, foi detido pola Garda Civil no mesmo termo municipal.
O xulgado decreta para o detido prisión provisional, comunicada e sen fianza
A praza número 2 da sección de instrución do Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para o detido. Fontes xudiciais informaron este venres do paso ao dispor do home, investigado por un suposto delito de homicidio.
A Garda Civil detívoo ante os indicios de criminalidade, pois se deu á fuga tras o atropelo e deixou á vítima en situación de morte cerebral.
Os investigadores aprecian de forma indiciaria circunstancias compatibles coa aleivosía, polo que as dilixencias se instrúen por un presunto delito de asasinato. Tras o seu paso á disposición xudicial este venres, ingresou en prisión provisional, comunicada e sen fianza, mentres continúa a instrución do caso.