Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido o presunto responsable do asasinato en México da estudante canaria Claudia Tacoronte

Detido o presunto responsable do asasinato en México da estudante canaria Claudia Tacoronte

Albares agradece a México a rapidez na resolución do asasinato, cuxo autor, dixo, xa confesou a autoría dos feitos

O sospeitoso foi arrestado no lugar onde se producíu o crime e, segundo as autoridades mexicanas, non ten vínculos co crime organizado

A Fiscalía vaino imputar por feminicidio e pedirá para el 70 anos de cárcere, a pena máxima

A familia de Claudia Tacoronte chegará este venres a México para repatriar o cadáver

Imaxe difundida polas autoridades mexicanas do home detido pola súa presunta relación co crime de Claudia Tacoronte (REUTERS)
G24.gal 18/09/2026 05:19 Última actualización 18/09/2026 15:04

As autoridades mexicanas detiveron o presunto responsable do asasinato da estudante española Claudia Tacoronte, de 21 anos, apuñalada o sábado no municipio de Cuautla, no estado de Morelos.

Foi identificado como Francisco Javier, alias El Trompas. Foi detido no lugar onde se cometeu o crime e menos de 30 horas despois de que a Fiscalía de Morelos emitise unha orde de busca e captura contra el.

Ao parecer, o home confesaría xa ser o autor do crime, como sinalaba este venres o ministro español de Exteriores. José Manuel Albares quixo agradecer a México a rapidez con que se realizou a intervención para resolver o crime da moza española. 

Segundo a Fiscalía, o imputado tiña antecedentes penais e estivera previamente en prisión por delitos relacionados con roubos.

A gobernadora de Morelos, Margarita González Saravia, asegura que o sospeitoso non ten vínculos co crime organizado e que a agrediu nun forcexo cando tentaba roubarlle o teléfono móbil.

O secretario de Seguridade de México, Omar García Harfuch, informou do arresto sen dar detalles do lugar da detención, nunha mensaxe en X en que incluíu unha fotografía do detido. 

 

A Fiscalía mexicana imputaralle un delicto de feminicidio 

A Fiscalía do Estado mexicano de Morelos imputará polo delito de feminicidio e buscará unha pena máxima de 70 anos de prisión para El Trompas, o home detido como presunto responsable da morte da estudante española Claudia Tacoronte, apuñalada o sábado no municipio de Cuautla, a 120 quilómetros ao sur de Cidade de México.

"As lesións inferidas a Claudia e pola forma en que o fixo permítennos establecer que foi un feminicidio", afirmou o fiscal de Morelos, Fernando Blumenkron.

Nunha conferencia de prensa este xoves no Palacio de Goberno de Cuernavaca, Blumenkron indicou que a Fiscalía buscará unha condena de 70 anos de prisión, a pena máxima prevista pola lexislación estatal.

O fiscal indicou que o detido roubou o teléfono celular de Tacoronte, pero explicou que as características das lesións e a forma en que foi atacada permiten á Fiscalía soster a imputación por feminicidio.

"O Código Penal do noso Estado establece como unha das causas para que se clasifíque como feminicidio que existan ese tipo de lesións", sinalou.

Tamén descartou que o crime tivese un compoñente sexual, como apuntaban algunhas versións, e anunciou novas investigacións para localizar indicios relacionados co caso, entre eles o teléfono móbil de Tacoronte e a arma utilizada no ataque.

Tacoronte, canaria de 21 anos, foi asasinada cunha arma branca o pasado sábado 12 de setembro en Cuautla. Chegara a México a mediados de agosto para realizar un intercambio académico entre a Universidade de Granada e a Universidade Autónoma do Estado de Morelos (UAEM).

O asasinato provocou indignación dentro e fóra de México despois de coñecerse que Tacoronte é a cuarta alumna da UAEM asasinada en apenas sete meses, tras os casos de Kimberly Ramos, Karol Toledo e Michelle Itzayana Fuentes, que xa xeraran protestas e paros estudantís.

A familia de Claudia Tacoronte chegará este venres a México para repatriar o corpo

A familia de Claudia Tacoronte chegará a Morelos este venres para iniciar os trámites de repatriación do corpo da vítima, segundo informou este xoves o fiscal do estado, Fernando Blumenkron.

A gobernadora do estado, Margarita González Saravia, informou que están en comunicación directa co cónsul de España en México, Marcos Rodríguez, para axudar nos trámites burocráticos.

Claudia Tacoronte procedía do municipio de Santa Brígida (Gran Canaria), estudaba cuarto de Educación Infantil na Universidade de Granada e chegara a México en agosto para un intercambio académico na Universidade Autónoma do Estado de Morelos (UAEM).

O asasinato provocou indignación dentro e fóra de México despois de coñecerse que Tacoronte é a cuarta alumna da UAEM asasinada en apenas sete meses, tras os casos de Kimberly Ramos, Karol Toledo e Michelle Itzayana Fuentes, que xa xeraran protestas e paros estudantís.

Segundo datos do Secretariado Executivo do Sistema Nacional de Seguridade Pública (SESNSP), Morelos rexistra a segunda taxa máis alta do país en feminicidios: 1,97 vítimas por cada 100.000 mulleres, cando a media nacional é de 0,55.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade