Trasladadas dúas persoas ao hospital tras rexistrarse un incendio na súa vivenda en Ourense
Ata o lugar acudiron os bombeiros de Ourense, que tiveron que rescatar dúas persoas que se refuxiaron no tellado do edifico
Os feitos sucederon nunha vivenda da rúa Galicia en Ourense. O lume iniciouse nunha estufa de pellets e a intensa fumareda obrigou a desaloxar o edificio.
Ata o lugar acudiron os bombeiros de Ourense, que tiveron que rescatar dúas persoas que se refuxiaron no tellado do edifico. A inquilina do piso tivo que ser trasladada ata o Hospital Universitario de Ourense por queimaduras.
Foi un dos ocupantes do inmoble quen contactou co 112 Galicia ás 04:50 horas para alertar de que estaba ardendo o salón da vivenda. De inmediato, desde a sala de operacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias mobilizáronse os Bombeiros de Ourense, así como os axentes da Policía Nacional e da Policía Local.
Unha vez no lugar, os efectivos de extinción conseguiron controlar e apagar o incendio. Tras rematar a intervención, indicaron que o lume se iniciara nunha estufa de pellets e nalgunhas prendas que estaban a secar nas proximidades do aparello. As lapas afectaron a unha estancia da vivenda, mentres que o resto do inmoble resultou danado polo fume.
Pola súa banda, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informou do traslado de dúas persoas ao centro hospitalario de referencia para recibir asistencia sanitaria.