Un garda civil fóra de servizo evita un roubo a unha muller maior en Sarria
A ladroa achegouse á vítima usando o método do abrazo para arrincarlle do pescozo as cadeas de ouro que levaba
Ao verse sorprendida escapou correndo, pero no camiño cruzouse co axente
Todo ocorreu a plena luz do día, a vítima camiñaba por unha rúa de Sarria, cando unha muller, duns 30 anos, se achegou a ela coa escusa de preguntarlle por algo. A muller cada vez se lle achegaba máis tratando de gañar a súa confianza.
"Achéganse a unha persoa, intentan 'camelala', abrázana e nese momento se a vítima se descoida intentan roubala, logo saen correndo e normalmente teñen un cómplice que agarda por eles para escapar", explica o cabo José Luis Fernández.
É o coñecido como método do abrazo, unha vez gaña a confianza da vítima aproveita un descoido para roubarlle. A ladroa non foi lonxe, porque no seu camiño cruzouse cun axente que estaba fóra de servizo. Ía no seu coche coa súa familia cando un home se lle botou enriba pedindo axuda.
"Nun momento apareceu un señor que se lle atravesou ao axente, parou e pediulle axuda, e xa viu a señora que lle dixo que lle intentara arrincar as cadeas do pescozo", engade o cabo.
Saíu correndo tras a ladroa, que escapara ao verse descuberta. Uns metros despois conseguiu retela.
"El é axente da autoridade, tanto estea de paisano ou non, e tes que acudir a axuda dunha persoa que te necesita", di José Luis Fernández.
A Garda Civil di que se trata de casos puntuais, pero lembra a importancia de extremar as precaucións, sobre todo as persoas de máis idade, máis vulnerables ante estes casos. A ladroa non era novata, sobre ela había unha orde de busca e detención.