Prisión preventiva para a muller que apuñalou un home nunha cafetería de Ferrol
A muller está investigada por un delito de lesións con instrumento perigoso ou ben homicidio en grao de tentativa, a concretar na instrución do caso
A vítima foi trasladada ao hospital e recibiu a alta horas despois
A cafetería en que tivo lugar a agresión está na estrada de Catabois
A maxistrada do Xulgado número 3 de Ferrol, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para a muller detida este luns tras apuñalar un home nunha cafetería da estrada de Catabois.
Segundo informaron fontes xudiciais, a muller está a ser investigada por un delito de lesións con instrumento perigoso ou ben homicidio en grao de tentativa, unha cualificación que se concretará de forma definitiva a medida que avance a instrución do caso.
O suceso tivo lugar arredor das 09:30 horas deste luns. A Policía Local de Ferrol recibiu un aviso alertando de que unha muller atacara cunha arma branca a un home no interior dun establecemento de hostalería.
Tras comparecer no lugar, os axentes procederon á detención inmediata da agresora, quen foi trasladada á Comisaría da Policía Nacional para o trámite de dilixencias antes da súa posta a disposición xudicial.
Pola súa banda, a vítima foi evacuada de urxencia ao Hospital Arquitecto Marcide, onde foi atendido polo persoal sanitario e recibiu a alta médica horas despois. A investigación continúa aberta para esclarecer as causas que motivaron a agresión.