Vivir só sae máis caro: a vivenda, os servizos ou a comida adoitan custar máis en solitario
En Galicia, os fogares cun único ocupante xa representan o 29 % do total
Moitos gastos son, en proporción, máis altos para unha persoa ca para unha familia
Vivir só ten un prezo. Os datos din que, economicamente, a soidade resulta cara. Os gastos dunha persoa que vive sen compaña adoitan ser maiores cós das familias ou grupos. E hai que ter en conta que a soidade aumenta.
En España, como noutros países, está medrando o número de fogares cunha soa persoa, que en Galicia xa representan o 29 % do total. A vivenda é, con moito, a que marca a diferenza. Na maioría das cidades conseguir un piso para un só ocupante é difícil e, en proporción, moito máis caro que se se trata dun espazo para varios residentes.
"Si, é moito máis caro. O prezo dunha vivenda para unha persoa soa pode estar entre os cincocentos e os seiscentos euros e, ao mellor, para dúas persoas pode estar entre os seiscentos cincuenta e setecentos cincuenta", pon como exemplo José Domínguez, da inmobiliaria Distrito 85 de Vigo.
"Cando un vive só, os gastos non son compartidos. E para unha persoa soa, cos salarios que hai agora, sobre todo cos alugueiros, está bastante complicado", confirma un mozo mentres fai a compra no mercado do Calvario da cidade.
Porque vivir só tamén se paga máis á hora de sentar na mesa. Distintos estudos aseguran que os solitarios gastan máis en alimentación. Por unha banda, explícase porque adoitan saír máis, consomen máis fóra da casa, e iso de media custa o triplo.
Ademais, porque cociñar para un, ás veces, complica calcular as cantidades, faise de máis, e porque hai produtos que non se venden en racións cativas. Por iso, varias cadeas están apostando por ofrecer envases máis pequenos.
"Cando estás en familia, con medio quilo de lentellas xa fas ao mellor un xantar para cinco. Pero cando estás soa, tampouco sabes", explica unha muller que vive soa e antes contaba cunha familia numerosa.
"Se a familia inclúe ter fillos, gastas máis. Se só somos dous, ao mellor gastas un pouco menos. Ou gastas noutras cousas", di pola súa parte outra muller máis nova.
Ademais, pode custar singularizar outros gastos. Nas comunicacións, hai compañías que non ofrecen tarifas de telefonía ou Internet deseñadas para unha soa persoa. Algunhas, por exemplo, só permiten contratar dúas liñas de móbil. Existen alternativas, pero hai que buscalas.
"Ás veces por menos de trinta euros podes ter a opción de ter unha liña de móbil con Internet na casa", asegura Sebastián Fernández, encargado dunha tenda de Movilgalicia, onde traballan con compañías que si contratan liñas para persoas soas.
Algo semellante acontece con outros servizos básicos, como a electricidade ou o gas, que, en proporción, saen máis caros se se usan sós ca acompañados.