Menos aforro e máis fenda xeracional nun contexto de prezos á alza e incerteza
O Banco de España apunta marcas históricas de riqueza dos fogares e un aumento da débeda das familias
Aforrar é complicado nun momento de prezos á alza e de incerteza. Os datos que publica este venres o Banco de España recollen un aumento da riqueza dos fogares. Pero medra a desigualdade e aumenta a fenda xeracional. Os salarios e a inflación están entre as causas, pero hai expertos que apuntan a un cambio cultural.
"Capitalismo, aforro e traballo duro", di o economista Miguel Anxo Bastos.
É a fórmula que apuntan algúns expertos. Unha cultura do aforro que foi mudando nos últimos anos.
"Os maiores estamos afeitos a privarnos de algo e gardar. Pero os novos, non", afirma unha muller.
A riqueza dos fogares segue á alza, pero concéntrase nos niveis máis altos. E avanza a fenda coas novas xeracións.
"Para pagar un piso se non tes un bo soldo ou non che axuda a familia, non podes", di unha moza.
Os salarios e a alza de prezos están entre as causas. Pero tamén hai un aumento dos créditos ao consumo. Un cambio cultural que marca o paso.