Marius Borg nega que violase catro mulleres e admite que traficou con drogas
Na primeira sesión do xuízo o fillo da princesa Mette-Marit de Noruega recoñece que agrediu e ameazou unha exparella
Está acusado de 38 cargos que lle poden supoñer ata 16 anos de cadea
O xuízo lastra a imaxe da monarquía de Noruega, afectada tamén polas revelacións do caso Epstein
A sede da Corte de Xustiza de Oslo converteuse este martes nun centro de máxima expectación mediática porque arrincaba o xuízo contra Marius Borg, malia que non está permitido tomar imaxes do fillo da princesa Mette-Marit, nin dentro nin fora da sala do xuízo. O acusado enfróntase a 38 cargos, entre eles catro por violación.
Na vista negou que violara ningunha das mulleres que o acusan. O que si admitiu é que agrediu, ameazou e tratou de maneira desconsiderada unha das súas parellas. Tamén admitiu que transportara droga, polo menos tres quilos e medio de marihuana, e algúns comportamentos de condución temeraria.
O xuízo está previsto que dure sete semanas e poderíalle supor unha condena de ata 16 anos de cadea. Marius Borg é froito dunha relación previa ao matrimonio da súa nai co príncipe herdeiro de Noruega. Actualmente ten 29 anos, e as súas falcatruadas son recorrentes. A última foi o domingo pasado, cando foi arrestado por ameazas con arma branca e por quebrantar unha orde de afastamento.
O xuízo contra Marius Borg celébrase na Corte de Xustiza de Oslo ata o próximo 19 de febreiro
A familia real tenta manterse á marxe destes comportamentos que levan xa tempo lastrando a imaxe da monarquía deste país, afectada tamén polo caso Epstein. Os últimos arquivos publicados revelan unha visita da princesa Mette-Marit á casa do pederasta en Palm Beach en 2013.
Nas últimas sondaxes, case a metade dos noruegueses, un 47,6 % segundo unha enquisa da cadea de televisión TV2, amósanse contrarios a que chegue a ser a súa futura raíña.