A OCU denuncia a venda libre de 'peelings' e inxectables que requiren supervisión profesional
A organización de consumidores alerta dos riscos para a saúde das persoas que apliquen estes tratamentos e pídelle á Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios un maior control e supervisión das plataformas onde se venden
Son cosméticos para facer peelings e encher engurras que conteñen substancias químicas en elevadas concentracións, produtos perigosos se non se saben aplicar adecuadamente e que con todo están ao alcance de calquera a través da Rede.
"É unha auténtica aberración e un perigo para a saúde", afirma Yolanda Albelda, directora técnica dunha clínica de medicina estética.
Igual se pode dicir máis alto, pero seguro que non máis claro.
"Ti picas ácido hialurónico no cello, que pode parecer unha parvada, pero podes obstruír a arteria ocular e podes quedar cego; estamos falando de cousas tan importantes coma iso. Ou, vaia, vou poñer un pouquiño no beizo. Hai arterias importantes. Ou no queixo, que podemos producir necroses e morte do tecido, e estamos falando de secuelas para o resto da nosa vida e mesmo que nos pode afectar a saúde", continúa a médica.
É por iso que dende a OCU lanzan un chamamento á sensatez e piden a intervención da Axencia Española de Medicamentos para que investigue as plataformas que venden este tipo de produtos sen supervisión profesional e sen ningún tipo de garantía nin rastrexabilidade.
"Esta venda directa ao público que ademais vén adubada cunhas deficientes etiquetaxes en canto ao número de lote, ingredientes e instrucións de uso, levounos a denunciar a situación ante a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, pedindo unha maior supervisión e control destas plataformas para garantir que estes produtos sen esa supervisión profesional poden causar danos permanentes para os consumidores pois non cheguen aos mesmos deste xeito", conclúe Carlos Cutiño, voceiro da OCU.