Detida unha muller tras apuñalar un home nunha cafetería de Ferrol
A agresora atopábase no establecemento cando atacou o home por causas que aínda están baixo investigación
Unha muller foi detida na mañá deste luns tras ferir cunha arma branca a un home nunha cafetería situada na estrada de Catabois, en Ferrol.
Os feitos producíronse ao redor das 09:30 horas, momento no que a Policía Local recibiu unha chamada de alerta informando do apuñalamento.
Segundo fontes oficiais, a agresora atopábase no establecemento cando atacou ao home por causas que aínda están baixo investigación.
Tras comparecer no lugar, os axentes da Policía Local detiveron á muller, que foi trasladada ás dependencias da Comisaría da Policía Nacional para a tramitación das dilixencias correspondentes.
Pola súa banda, o home foi trasladado ao Hospital Arquitecto Marcide, onde foi atendido das súas lesións e, posteriormente, recibiu a alta.