O presunto autor do crime machista de Mos suicídase antes de ser detido
Axentes do GRS da Garda Civil entraron na vivenda preto das dez da noite deste domingo e atoparon un varón morto con feridas de arma branca
O home atrincheirárase na casa do Porriño despois de presuntamente matar a Belén, a súa exparella
A vítima é unha muller de 52 anos e non constan antecedentes no sistema de protección de vítimas VioGén
Un equipo do Grupo de Reserva e Seguridade (GRS) da Garda Civil entrou preto das dez da noite deste domingo no domicilio no que estaba atrincheirado no Porriño o presunto autor do crime machista de Mos. Segundo informa a Subdelegación do Goberno de Pontevedra, os axentes atoparon xa morto un varón con feridas de arma branca.
O corpo da muller, de nome María Belén, foi achado no chan da súa vivenda, en Amieirolongo, no lugar do Chan do Bosque, no concello de Mos. A vítima tiña 52 anos e supostamente foi apuñadala pola súa exparella, un home de 57 anos que fuxiu do lugar cando chegou a irmá da vítima.
O presunto asasino, na súa fuxida, foise atrincheirar nunha vivenda do Porriño. Alí axiña chegaron as forzas de seguridade e trataron de negociar co home, que empuñaba un coitelo, para que se entregase pacificamente, sen logralo.
Segundo informou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, a vítima non tiña antecedentes no sistema de protección de vítimas VioGén. A parella separárase o pasado mes de decembro.
Este domingo pola tarde, o subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra, Abel Losada, confirmaba que a exparella da vítima e presunto asasino xa estaba localizado e agardaban que a súa detención se producise axiña.
O subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra tamén avanzaba pola tarde que non hai moitas dúbidas de que a parella fora o presunto asasino, porque a irmá da vítima, que vive noutro piso da mesma casa, escoitou o balbordo e baixou a ver que pasaba. Foi entón cando, ao parecer, viu como fuxía da vivenda e collía o seu coche.
Este mesmo relato foi o que lle contou a irmá da vítima á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e así llo relataba a Televisión de Galicia.
Minuto de silencio diante da Casa do Concello de Mos
Os veciños de Mos acudiron á concentración convocada este domingo diante da Casa do Concello para gardar un minuto de silencio en memoria de Belén, a veciña asasinada.
Ao remate do minuto de silencio, a alcaldesa de Mos Nidia Arévalo lamentou e condenou a morte da veciña de Amieirolongo, á que coñecía persoalmente, e dixo que este luns se vai celebrar un pleno extraordinario no que van decretar tres días de loito e posteriormente haberá unha concentración institucional en memoria de Belén á que convidou a unirse a toda a veciñanza de Mos.
Belén pasa a considerarse a sexta muller que falece en España en 2026
A delegación do Goberno en Galicia confirmou que se trata dun crime de violencia machista e, polo tanto, Belén pasa considerarse a sexta muller asasinada por causa desa lacra en España en 2026, a primeira en Galicia.
Desde que en 2003 comezaron a contabilizarse, son 1.348 as mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas en todo o Estado.