Detido na Coruña Japito, un delicuente de Carballo moi coñecido pola súa afección á condución temeraria
Detido na Coruña Japito, un delicuente de Carballo moi coñecido pola súa afección á condución temeraria
Ten o carné retirado ata o ano 2051 pola cantidade de sancións que acumula
Cando o interceptou a Policía Local circulaba ademais baixo os efectos do alcol e levaba un faro inutilizado
Con apenas 20 anos, xa era o condutor que acumulaba máis delitos ao volante de toda España
Na Coruña detiveron un condutor que tiña o carné retirado ata o ano 2051, pola cantidade de sancións que acumula. Cando o interceptou a Policía Local circulaba ademais baixo os efectos do alcol e levaba un faro inutilizado.
O detido é un delincuente moi coñecido, natural de Carballo, cun historial interminable. Benjamín López Rojo, alias Japito, xa batera todas as marcas a comezos da pasada década, cando, con apenas 20 anos, xa era o condutor que acumulaba máis delitos ao volante de toda España.
En Carballo, as forzas de seguridade conseguiron deter un home acusado dun cento de delictos. A finais do ano 2011, os informativos da Galega, xa se facían eco das falcatruadas de Japito pola súa detención tras unha persecución sonada.
Así o contaban no Galicia Noticias do 11 de novembro daquel ano: "Para poder deter a Benjamín López, alcumado Japito, tiveron que mobilizar patrullas de catro concellos. Atrás del saíron axentes da Garda Civil de Carballo, Malpica, A Laracha, Vimianzo, da Policía Local da vila e mesmo un helicóptero. A persecución rematou nunha casa do barrio do Sixto. Alí os familiares do mozo puxéronse a tirarlles pedras aos axentes. Dous deles quedaron feridos e varios coches afectados. Japito estaba agochado no conxelador dunha casa, cando a Garda civil conseguiu detelo".
Daquela, Benjamín López Lojo tiña só 21 anos e, aínda que nunca sacara o carné de conducir, xa era ben coñecido polas forzas policiais porque era o español que máis veces fora condenado por condución temeraria.
"É coñecido polas falcatruadas que vén tendo ultimamente e no último ano con certa agresividade", dicía daquela un membro da Policía Local de Carballo.
Desde entón Japito pasou varios anos na cadea e tamén volveu pasar unha e outra vez polos xulgados e os calabozos policiais, porque aos seus 35 anos, como evidencia a nova detención destes días en pleno centro da Coruña, a condución temeraria segue sendo o seu modo de vida.
Din que coñece as estradas e pistas da comarca coma ninguén e, en moitos dos casos nos que estivo implicado, facía de chofer para outros delincuentes que planificaban roubos na zona.