Patrullas veciñais por WhatsApp fronte á vaga de roubos na zona da Zapateira, na Coruña
Sospeitan dunha banda ben organizada, que mesmo anula os sistemas de seguridade
Entran cando non hai xente pero no último intento de asalto, a familia estaba no interior
Nunha zona da Coruña, na Zapateira, preocupa a vaga de roubos en vivendas. Sospeitan dunha banda ben organizada, que usa sistemas profesionais. Entran cando non hai xente na casa, pero nun dos últimos, os asaltantes non estiveron moi atinados.
"Neste caso, había xente dentro, viron a unhas persoas saltando o valado e avisaron á policía. Cando viron que había movemento e encenderon as luces, marcharon", explica Juama Sánchez, presidente da A.A. VV. da Zapateira.
Todo apunta a un erro porque o habitual é que entren cando non hai ninguén na casa.
"Fomos á compra entre as cinco e as oito e cando volvemos atopamos a casa toda revolta. Non levaron nada porque non había nada de valor que roubar. Entraron por unha leira que hai semiabandonada no fondo, forzaron unha ventá, sen necesidade porque as portas estaban abertas", conta a vítima dun dos roubos.
"Na casa do fondo, estaban reformando e leváronlle a maquinaria que tiñan da reforma e do alpendre levaron algunhas cousas. Na casa non deron entrado", apunta a veciña doutra casa afectada.
"Dende hai un ano para aquí, hai cantidade de roubos todo por aí enriba, polos chalés", confirma outro veciño.
Sospeitan dunha banda profesional e ben organizada, que mesmo anula os sistemas de seguridade que hai en case todas as vivendas da zona.
"Saben burlalos. Polo que escoito, teñen inhibidores de alarmas. Rouban nunha zona e despois desaparecen, e é imposible pillalos", lamenta o afectado polo intento de roubo.
Certo que dende esta zona da cidade vese mellor a Coruña ao lonxe que o que pasa na casa do veciño. Os valados e os setos que rodean cada casa son un paraíso para os que veñen de fóra.
"A xente quere unha intimidade pero xa non advertiu a policía que estes valados están moi mal porque aínda que fagan unha rolda non ven o que poida haber dentro. Nin nós mesmos", confirma unha membro da asociación veciñal.
Levan con este pesadelo meses pero ultimamente son máis constantes. Certo que hai máis intentos de roubo que denuncian consumadas pero co medo no corpo, decidiron montar unha 'patrulla veciñal', que se move no WhatsApp
"Estamos vixiando. O sábado, por exemplo, mandaron unha mensaxe sobre a unha da madrugada que estaba unha muller nun coche parado e cando arrancou, un veciño seguiuna e ela parou onda unha casa cunha tablet", engade a muller coas imaxes difundidas no grupo.
Piden máis presenza policial pero a zona non axuda. Dependen das policías locais de varios concellos, tamén da Nacional e da Garda Civil e un polo outro... xa se sabe como acaba.